Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Cando:

31 de xullo de 2007

A concelleira de Medio Ambiente presenta o servizo de duchas de auga quente

A concelleira de Medio Ambiente, Nieves Vázquez, presentou na praia de Riazor o servizo de duchas de auga quente que o Concello puxo a disposición dos bañistas, completando así as prestacións que lles ofrece o areal coruñés aos usuarios.

A praia de Riazor convértese así na primeira de Galicia en ofrecer este servizo, no que ademais supón unha experiencia pioneira en España, xa que non se coñece ningún outro areal que conte con esta instalación.

A concelleira destacou que se trata dun proxecto piloto que comeza agora na praia de Riazor e que, en función da demanda dos usuarios, se pretende ampliar a todo o litoral coruñés co fin de seguir mellorando a atención ás persoas que gozan das praias da cidade.

Así, dende agora entran en funcionamento dúas duchas de auga quente xunto ao posto de Protección Civil, permitíndolles aos bañistas evitar a auga fría. Esta actuación é posible grazas a un plan baseado nas enerxías renovables.

As duchas de auga quente son posibles grazas á enerxía solar. Para iso, instaláronse ata 12 paneis solares no teito do posto de Protección Civil, que xeran unha potencia de ata 16.580 vatios. Esta enerxía permite quentar a auga, procedente da rede pública de abastecemento. A auga quente almacénase nun depósito de 3.000 litros de auga, situado na parte traseira do posto da Agrupación de Voluntarios e por unha condución chega ata as dúas duchas de auga, que se subministrará a uns 30 graos centígrados.

Deste xeito, os usuarios dos areais coruñeses poderán gozar dunha ducha de auga quente, en caso de que o desexen, ou poderán seguir gozando da habitual ducha de auga fría para antes ou despois do baño.

A concelleira de Medio Ambiente, Nieves Vázquez, mostrou a súa satisfacción por esta actuación pioneira, o que pon de manifesto o esforzo municipal por seguir mellorando a calidade das praias coruñesas e ampliando a oferta de servizos que xa se poñen a disposición dos bañistas.

Cómpre lembrar que todas as praias da cidade contan coa bandeira azul, distinción que recoñece a calidade do areal, das augas e dos servizos que se ofrecen. Ademais, Riazor conta este ano coa bandeira Ecoplaya, que recoñece a recuperación do litoral e a súa calidade ambiental.

A Coruña conta este ano cun total de cinco praias con bandeira azul, como son Orzán-Matadoiro, Riazor, San Amaro, As Lapas e Oza. Así, o 80% do litoral coruñés conta con bandeira azul. Ademais, todas as praias coruñesas están certificadas coa ISO 14.000, situación que poucos areais españois teñen.

Por outro lado, o Concello iniciou o 15 de xuño o dispositivo especial de vixilancia en todas as praias da cidade. Así, hai servizo de vixilancia nos areais coruñeses das Lapas, San Amaro, Oza, Santa Cristina, Riazor, Orzán e Matadoiro, aínda que nestas tres últimas o operativo xa se puxo en marcha o día 1 de xuño. A temporada estará aberta ata o 15 de setembro.

O operativo está formado por 74 persoas e cos seguintes horarios de vixilancia:

-Riazor, Orzán e Matadoiro, de 10 a 22 horas, todos os días.

-As Lapas, San Amaro, Oza e Santa Cristina, de 12 a 20 horas, todos os días.

O equipo que vixía as praias está formado por oito xefes de equipo, cincuenta socorristas acuáticos, dez socorristas sanitarios e seis condutores. En cada unha das praias da cidade hai un posto de salvamento, material sanitario, material de rescate (embarcacións, aros salvavidas, etc.), así como material para atender as situacións de urxencia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión