
Durante 2017 procedeuse á aprobación do primeiro Plan de Acción Contra o Ruído da Coruña, desenvolvido a partir dos resultados obtidos no diagnóstico de cidade levado a cabo co Mapa Estratéxico de Ruído (MER) de xuño de 2012 (segunda fase), despois dun longo proceso de adaptación do primeiro borrador elaborado en 2013, que partía do Plan de Mobilidade da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona, ata a súa última versión, que contemplaba xa o Plan de Mobilidade definitivamente aprobado, culminando así un proceso de traballo transversal desenvolvido polas diferentes áreas de xestión municipal con competencias directas na execución das accións que se propoñen no devandito documento estratéxico.
Inmediatamente despois deste proceso, durante 2017, iníciase o procedemento de aprobación do Mapa Estratéxico de Ruído (MER) da Coruña da terceira fase, elaborado con datos de 2016, para dar cumprimento ao trámite obrigatorio que establece o Real Decreto 1513/2005 de 16 de decembro polo que se desenvolve a Lei 37/2003 de 17 de novembro, do ruído, no referente a avaliación e xestión do ruído ambiental e a propia Directiva 2002/49/CE da que emanan ambas as normas.Finalizado este proceso de diagnóstico periódico e obrigatorio das aglomeracións urbanas en relación co ruído ambiental, elaborouse o Plan de Acción contra o Ruído da terceira fase, que recolleu as modificacións detectadas con motivo do diagnóstico do MER así como aquelas actuacións que puidesen afectar ao principal foco de ruído da cidade, o tráfico, e que non tivesen reflexo no vixente Plan de Acción de Ruído de 2017.
Para dar cumprimento á Cuarta Fase de entrega dos Mapas de Ruído e Plans de Acción, durante 2023 desenvólvense os traballos de actualización do MER da terceira Fase, con datos de 2022, finalizándose o proceso de aprobación deste documento estratéxico en outubro de 2024.
O Plan de Acción contra o Ruído da Cuarta Fase é, por tanto, resultado da necesidade de dar solución aos problemas e conflitos acústicos detectados no MER da cuarta fase e de recoller todos estes grandes cambios no modelo de mobilidade impulsados na nosa cidade nos últimos tempos que afectaron á redución da velocidade das vías, a unha maior cantidade de espazo público gando para a cidadanía a pé ou á potenciación dunha extensa rede de carrís bicis por todo o territorio municipal, por citar só algunhas das medidas xunto coas achegas realizadas tanto interna como externamente.
En definitiva, trátase dun documento de natureza estratéxica pero desenvolvido co necesario criterio técnico que permitirá a minimización das actuais porcentaxes de poboación afectada por ruído co mínimo investimento e promover así a mellora da calidade de vida da cidadanía, garantindo o seu dereito para vivir en lugares nos que se cumpran os obxectivos de calidade acústica establecidos na lexislación vixente.
O seguinte documento contempla tanto a memoria como toda a documentación do proceso participativo:
| MEMORIA DO PLAN CON PROCESO PARTICIPATIVO |
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible