Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Cando:

27 de abril de 2007

É un paso máis no desenvolvemento de políticas sostibles da cidade

A xunta de goberno adxudica a instalación do sistema de enerxía solar no polideportivo e na piscina de Riazor

A xunta de goberno do Concello adxudicou o proxecto de implantación do sistema de produción de enerxía solar térmica na piscina, frontón e polideportivo de Riazor, no que representa un paso máis no desenvolvemento de políticas sostibles da cidade. Os traballos foron adxudicados á empresa Elecnor SA, por un importe de 126.800,41 euros e o prazo de execución é de cinco meses.

Con esta medida preténdese adecuar estas instalacións aos criterios básicos de eficiencia enerxética, sendo ademais este interese prioritario no Plan de Acción Local para a consecución dos obxectivos do desenvolvemento sostible. A produción de enerxía térmica pola captación directa do sol ten un impacto medioambiental absolutamente favorable por ser un proceso totalmente limpo, sen ningún tipo de contaminación.

A instalación de produción de enerxía solar proxectada está constituída polos paneis solares, un circuíto primario, os intercambiadores de calor, as bombas de circulación, un vaso de expansión, un depósito acumulador, así como un sistema eléctrico e de control.

Esta actuación farase en todo caso de forma coordinada cos traballos de reforma integral da piscina municipal de Riazor nos que se investirán 500.000 euros. As obras que renovarán a imaxe das instalacións prolongaranse ata o mes de outubro e obrigarán a cerrar a piscina de xullo a outubro, aproveitando o período de verán e vacacións escolares.

O obxecto do proxecto é mellorar as instalacións da piscina para lles ofrecer un mellor servizo aos cidadáns. Para iso, realizaranse diversos traballos:

-Mellora dos vestiarios: coa instalación de pavimento que non esvare, esteiras de goma antibacteriana, cambio de azulexos, pintado e substitución de mamparas.

-Impermeabilización do vaso e substitución do equipo de depuración: aplicarase un gres de porcelana especial para piscinas, renovación do aspecto da piscina dotándoa dun vertedoiro continuo tipo finlandés, bordeando o vaso da piscina.

-Remodelación interior da planta alta: instalación de tres baños relax, dous de adultos e un de nenos; a reparación da cuberta, o saneamento das humidades e amañar as actuais instalacións.

-Melloras dos equipos de climatización e incorporación de novas tecnoloxías: instalación de paneis de enerxía solar.

Os traballos desenvolveranse en dúas fases. A primeira, xa en marcha, prolongarase ata o 31 de maio e realizarase compatibilizando o uso público da piscina. Neste período faranse as obras de acceso a minusválidos na planta baixa, a instalación do ascensor, os vestiarios para minusválidos, os aseos, a mellora nos almacéns pegados á piscina e o cambio de cadros de mando, os vestiarios de monitores e almacéns na planta superior e a preparación da instalación de saunas.

A segunda fase desenvolverase de xullo a outubro, coa instalación cerrada ao público, e permitirá acometer a impermeabilización do vaso e a substitución do equipo de depuración, a renovación total dos vestiarios, a reforma da planta superior, as melloras nos equipos de climatización coa incorporación das placas solares e a instalación da zona de baños relax.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión