27 de abril de 2013
A programación, que durará dez días, entre o 15 e o 24 de xuño, pretende ser a antesala á proclamación como Festa de Interese Turístico Internacional
O alcalde presentou a imaxe, o vídeo e o programa de San Xoán 2013, que se estenderá dende o 15 e ata o 24 de xuño e que "responde a un triplo obxectivo: pasar da gran noite de San Xoán á gran semana de San Xoán; presentar o programa máis completo da historia da cidade e ser referente nacional e internacional", afirmou Negreira, quen destacou cal é o novo obxectivo do Goberno local: "O seguinte paso é conseguir que a nosa festa por excelencia o sexa tamén de Interese Turístico Internacional. Paso a paso estamos sentando as bases para a súa consecución". Repartiranse máis de 2.000 carteis e 75.000 programas en castelán, galego e inglés inundarán as nosas rúas.
Neste sentido, o alcalde agradeceu a colaboración de todos os coruñeses para alcanzar este fin, así como tamén da Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán: "Necesitamos contar coa colaboración de 250.000 embaixadores de San Xoán, os nosos sanxoaneiros e sabemos que toda a cidade se vai implicar", explicou. "Esta distinción -engadiu- outórgase ás festas ou acontecementos que supoñan manifestación de valores culturais e tradición popular e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico. Entre os requisitos están a antigüidade e continuidade na celebración ou o arraigamento popular e participación cidadá que, no noso caso, supera todos os requisitos e expectativas. Ademais debe ser relevante en canto á promoción turística de España no exterior e debe ter repercusión en medios de comunicación internacionais".
Neste sentido, o alcalde explicou as distintas actuacións que se levarán a cabo dende a Área de Turismo para situar o San Xoán no estranxeiro e tamén como un dos distintivos da cidade e unha das marcas festivas do país, como a Feira de Abril de Sevilla, ou as Fallas de Valencia e destacou a importancia da colaboración da Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán que desenvolverán un amplo programa festivo durante todo o mes de xuño.
"Imos realizar unha campaña online cun importante portal turístico en tres dos nosos principais mercados: Reino Unido, Portugal e España. Ademais, o noso San Xoán aparecerá nas revistas das tres compañías que operan dende Alvedro; e Globalia ofrecerá paquetes especiais para San Xoán comercializados pola compañía, publicitará estas festas nas súas axencias e avións e informará do evento aos seus clientes de maneira personalizada", anunciou o alcalde e engadiu: "Pero non será o único. Exportaremos o noso San Xoán, pero tamén queremos que se coñeza de primeira man porque sabemos que quen vén, repite. Por iso, organizaremos Press Trips, é dicir, convidaremos á prensa nacional e internacional ás nosas festas, que sintan na súa propia pel que A Coruña é a cidade onde ninguén é forasteiro".
A campaña de turismo incluirá ademais a presenza en feiras, a creación de diferentes dossieres, e a inclusión en publicacións como a revista #coruñasemueve cuxo número se dedicará a estas festas, a presenza en redes sociais ou a través de newsletter, e a elaboración dunha páxina web www.corunaespiritudefuego.com. Ademais deseñouse unha campaña de posicionamento online que inclúe Landing Page, Newsletter Masivo, Campaña de Posicionamento SEO, Campaña de posicionamento SEM (Google Adwords, Youtube e Facebook) e Comunnity Managers para a promoción nacional e internacional destas festas. O vídeo de San Xoán distribuirase a través das redes sociais en inglés, francés, portugués, alemán, italiano e holandés.
Carlos Negreira lembrou que durante dez días A Coruña converterase no referente festivo do noroeste español, destacando que estas festas son ademais o mellor reclamo para impulsar o turismo e, polo tanto, a actividade económica.
Así, a programación estenderase ao longo e ancho da Coruña para dinamizar e chegar a todos os barrios e zonas comerciais da cidade. Carlos Negreira destacou a aposta decidida do Goberno municipal pola música con dous grandes concertos, Alejandro Sanz no Coliseum, e unha alusión aos 80, con Hombres G; ademais dun festival para xente máis nova con 45 artistas do panorama coruñés, galego e nacional, nun lugar da cidade que se quere potenciar: o parque de Santa Margarita; e unha gran verbena ata as 5 da madrugada a mesma noite de San Xoán liderada pola Orquestra Panorama.
O alcalde avanzou, tamén, novidades na cabalgata e espazo para o humor, incluído na falla deste ano. Anunciou que o día 24 será o gran día dos nenos, cunha gran festa infantil na Praza de María Pita e na que se vai organizar o ‘San Xoán pequeniño'. "Deseñouse unha oferta para todos os públicos –continuou- facendo fincapé nas grandes tradicións de San Xoán. Por iso, despois do grande éxito da pasada edición, este ano contaremos con dúas grandes sardiñadas populares, unha o domingo 16 no parque de Santa Margarita, e outra o martes 19 no peirao de Transatlánticos, coa colaboración do Porto e a Lonxa".
"Pero San Xoán non é só festa. San Xoán é todas e cada unha das concellerías deste Concello, un tema prioritario para este Goberno local, igual que o son todos os proxectos que xeran actividade económica e emprego. Porque queremos un San Xoán seguro; sustentable e responsable coa nosa contorna e as nosas praias; queremos un San Xoán que xere actividade económica, emprego e atraia a miles de persoas dende todos os puntos do planeta", destacou o alcalde. "Quero agradecer -engadiu- o enorme traballo de coordinación que se levou a cabo dende todas as áreas para que esta gran festa sexa posible".
Neste sentido, o alcalde destacou algunhas das actuacións que se van desenvolver dende as distintas concellerías:
Seguridade e Mobilidade
Prepárase dende o mes de novembro un dispositivo extraordinario formado por Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil e voluntarios, e no que, por primeira vez, se contará cunha Unidade Especializada en Rescates Marítimos para dotar os areais de maior seguridade e atallar de forma máis rápida posibles accidentes. Ademais, desenvólvese unha campaña de prevención e información en centros educativos da cidade na que membros de Bombeiros, Policía Local ou Protección Civil se encargarán de lles transmitir consellos de seguridade e prevención aos máis pequenos.
Medio Ambiente
Dende a Concellería de Medio Ambiente prepárase un dispositivo para que a cidadanía, veciños e visitantes poidan gozar da praia o día 24. Ademais, o rexedor lembrou que este ano poñerase en marcha unha experiencia piloto de repartición de madeira limpa que inclúe accións para incentivar que as persoas que esa noite gocen da festa na praia depositen o lixo xerado en sitios habilitados para iso. "Repartirase madeira entre as 20.30 e as 22.30 horas do 23 de xuño e instalaranse 7 colectores identificados coa imaxe do noso San Xoán para que a xente faga un uso responsable deles, polo que lles pedimos aos participantes que sexan responsables co medio ambiente e coa súa cidade", explicou o rexedor.
"En definitiva, esperamos que estas festas sexan todo un éxito porque se coidou ata o último detalle cunha campaña pensada para todos: para os coruñeses e para os nosos visitantes. Así, todos seremos este ano máis ‘sanxoaneiros' ca nunca. Dende o 15 de maio, na Coruña sentirase o espírito de lume e ulirá a San Xoán e empezará a quentar motores para a gran cita", explicou. "Queremos que esta data se converta nunha referencia a nivel español e internacional que permita xerar actividade económica e situar a cidade no punto de mira turístico", concluíu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible