Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Cando:

14 de novembro de 2013

Un sistema de rego intelixente e outro de eventos multicanal, primeiros proxectos piloto de Coruña Smart City

O tenente de alcalde Martín Fernández Prado presenta estas iniciativas que terán un orzamento de 250.000 euros.

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, informou, esta mañá, dun novo avance no proxecto de Coruña Smart City xa que, tal e como anunciou, Emalcsa licitará esta semana os 2 primeiros proxectos piloto que funcionarán sobre a plataforma tecnolóxica: "Nas próximas semanas solaparanse a tramitación dos 15 proxectos piloto que queremos poñer en marcha co desenvolvemento da plataforma", asegurou o concelleiro.

Martín Fernández Prado lembrou que, tras a primeira fase aínda en marcha consistente na creación dunha plataforma tecnolóxica encargada de recoller e procesar datos e información que axudará á administración local na toma de decisións; arrincará a segunda fase que ten por obxectivo o desenvolvemento de proxectos piloto concretos que melloren a eficiencia dos servizos e lle permitan á cidadanía utilizar esa información e ser partícipes de todo o que ocorre na cidade. Neste sentido, desvelou que os dous primeiros proxectos que se licitarán serán un sistema de telecontrol de rego intelixente en parques e xardíns e un sistema de información de eventos multicanal. "A posta en marcha destes proxectos piloto integrados na plataforma tecnolóxica xerará novas ideas, oportunidades e dinamizará a cidade achegando respostas ás novas necesidades. Ademais, posibilitará a creación de emprego ligado ás novas tecnoloxías", asegurou e avanzou que nas próximas semanas licitaranse novos proxectos piloto.

SISTEMA DE TELECONTROL DE REGO INTELIXENTE

Martín Fernández Prado explicou que este piloto responde a un dos principais obxectivos de Coruña Smart City: a aposta polo medio ambiente unido á eficiencia e a sostenibilidade. Este sistema utilizará unha serie de sensores que permitirán coñecer en tempo real as necesidades de rego en base a factores como a humidade ou a previsión de choiva, grazas ao que se gastará a auga precisa.

O concelleiro informou de que os datos recolleitos polos sensores integraranse na plataforma cidadá o que permitirá cruzalos con outras informacións, por exemplo a realización de eventos, a previsión meteorolóxica ou o nivel de enchido dos depósitos de auga da cidade, adaptando, desta forma, as condicións de rego. En principio, un total de 10 parques e xardíns da cidade beneficiaranse deste sistema: Monte de San Pedro, Vioño, parque de Alfonso Molina, Oza, Carlos Casares, Eirís, San Diego, Os Rosales, Méndez Núñez e A Maestranza.

Este proxecto encaixa perfectamente nun dos retos de Coruña Smart City, que é o de xerar un novo paradigma da xestión das administracións: máis accesible, máis participativo e, sobre todo, máis eficiente, e transparente grazas ao cruzamento de diferentes datos que permitirán tomar a mellor decisión en cada momento: "Mellorará a calidade de vida da cidade", resumiu e informou de que o orzamento de licitación é de 158.100 euros e o prazo de execución de 12 meses.

SISTEMA DE INFORMACIÓN DE EVENTOS MULTICANAL

Trátase dun sistema que forma parte dunha serie de proxectos piloto relacionados co lecer e o turismo e que fomentarán a interacción da cidadanía. Este caso concreto é un sistema de información de eventos grazas ao que a cidadanía e visitantes terán á súa disposición unha completa axenda de actividades que teñen lugar na Coruña.

A novidade deste sistema é a axilidade no acceso á información, a actualización en tempo real grazas ás redes sociais, e a posibilidade tanto de personalización e organización de contidos por parte dos usuarios como de colaborar incorporando novos eventos. Os cidadáns poderán acceder a través de múltiples vías e tecnoloxías, dende puntos de información despregados pola cidade a diferentes apps deseñadas para dispositivos móbiles, pasando por pantallas de información ou paradas de bus.

"Neste proxecto, unha das súas características fundamentais e que é un dos puntos fortes de Coruña Smart City é o formato Open Data, que permite que os cidadáns e as empresas poidan desenvolver as súas propias ferramentas e aplicacións", sinalou e engadiu: "Este tipo de proxectos serán xeradores de emprego, porque autónomos e empresas poderán utilizar a información para crear novas aplicacións. Sempre digo que Smart City só ten un límite: o da imaxinación das empresas e da cidadanía". O orzamento de licitación é de 95.000 euros e o prazo de execución de 12 meses.

CORUÑA SMART CITY

O Concello da Coruña leva traballando no proxecto Coruña Smart City dende xullo do 2011, pouco despois de chegar ao Goberno local. O pasado mes de marzo adxudicou por 3,9 millóns de euros o contrato de Definición, deseño e desenvolvemento da plataforma Smart Coruña e definición e posta en marcha da oficina do proxecto á UTE formada por Indra, Altia, Ilux e R. O proxecto de Coruña Smart City desenvólvese en dúas fases. A primeira consiste no desenvolvemento dunha plataforma horizontal e oficina do proxecto e a segunda ten que ver coa posta en marcha de pilotos verticais e integrados orientados a reducir o impacto da cidade no medio ambiente, promover a interactividade coa cidadanía e mellorar a eficiencia dos servizos municipais. Ademais, está prevista a creación dun Centro Empresarial de Servizos, Innovación e Desenvolvemento ademais da organización dun grande evento internacional arredor das Smart Cities.

Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración, por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ou o máis recente, ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, que se entregarán a próxima semana en Barcelona, xunto con propostas da Mitsubishi Corporation (propón construír unha zona de 176.000 metros cadrados co concepto Smart&Share, no medio de Tokio), de FCC (deseño dun gran vehículo urbano híbrido) ou proxectos de Alemaña (un modelo de mobilidade intermodal), Dinamarca (proposta de Smart Landscaping) e China (sensorización dunha cidade de 6 millóns de habitantes): "Estes recoñecementos axúdannos a seguir esforzándonos e consolídannos como cidade referente do noroeste español. De feito, o noso proxecto é no que a Unión Europea depositou a súa confianza grazas a un investimento de 11,5 millóns de euros que contan cun financiamento do 70% de fondos europeos", finalizou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión