Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de marzo de 2022

Cubertas as 318 parcelas das hortas ecolóxicas tras o gran éxito da convocatoria

O Concello está a acometer un plan de mellora integral das ecohortas da Agra do Orzán, Novo Mesoiro e Eirís, ademais de executar o novo espazo do parque de Adolfo Suárez

O Concello recibiu un total de 484 solicitudes de parcelas e espazos nas hortas ecolóxicas municipais da Agra do Orzán, de Novo Mesoiro, de Eirís e do parque de Adolfo Suárez. Tras rematar o prazo de presentación, todas as prazas dispoñibles quedaron cubertas, o que constata o gran éxito da convocatoria.

Na actualidade, e unha vez finalizados os traballos do espazo reservado a hortas no parque de Adolfo Suárez, hai un total de 318 parcelas individuais, 24 mesas de cultivo individuais, 4 parcelas de uso común e 4 mesas de cultivo. Este venres ábrese o prazo para emendar as solicitudes ata o 24 de marzo. 

O Goberno municipal de Inés Rey fai unha importante aposta por estes espazos públicos que buscan, entre outras cuestións, o fomento do consumo de produtos ecolóxicos e o afianzamento de espazos de reunión e recreo para a cidadanía. A concellaría de Medio Ambiente está a acometer un plan de mellora integral das diferentes hortas. Os traballos consisten na reformulación do número de parcelas en todas as instalacións, que aumentan o seu número nun centenar, tendo en conta as novas proxectadas no parque de Adolfo Suárez. Ademais, resólvense estas semanas diferentes deficiencias e atendéronse as demandas trasladadas polas propias persoas usuarias ao Concello.

Para acometer ditos traballos foi necesario o peche temporal das hortas, polo que se optou por levar a cabo unha nova convocatoria de adxudicación dos espazos. Entre outras cuestións, estase levando a cabo un tratamento de todas as estruturas de madeira para a súa correcta conservación, crearanse novas parcelas e expandirase o espazo das hortas en Novo Mesoiro, instalaranse puntos de luz solar nas casetas de material e colocaranse pérgolas nos espazos comúns. Ademais, crearase unha nova parcela común que cumprirá a función de horta infantil, aínda que serán as propias persoas usuarias as que decidan o seu uso futuro.

Na Agra do Orzán haberá 117 parcelas individuais, 9 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común. En Novo Mesoiro serán 36 parcelas individuais, 3 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común. No parque de Eirís haberá 81 parcelas individuais, 9 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común. E, por último, no parque de Adolfo Suárez: 84 parcelas individuais, 3 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común.

Por outra banda, unha das novidades do novo modelo de xestión das hortas urbanas será que dúas veces ao ano as persoas usuarias poderán facerlle propostas ao persoal técnico da Área de Medio Ambiente. Deste modo búscase que esta nova etapa das hortas estea marcada polo diálogo, tal e como apuntaban as e os usuarios. Estes períodos participativos terán lugar en xuño e decembro. Ademais, tamén se poderán achegar propostas sobre o modelo de gobernanza de cada horta.

Documentos:

Listado de admitidos (885 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión