22 de setembro de 2007
A Patrulla Verde usará un vehículo híbrido equipado coa última tecnoloxía
O alcalde, Javier Losada, presentou a nova patrulla policial que se encargará da vixilancia e protección do medio ambiente urbano. A chamada Patrulla Verde está formada por once axentes que percorrerán as rúas da cidade nun vehículo híbrido equipado coa última tecnoloxía. A presentación deste servizo enmárcase dentro das iniciativas impulsadas polo Concello na celebración da Semana da Mobilidade.
Neste sentido, o alcalde destacou a aposta do goberno municipal pola mobilidade na cidade, coa posta en marcha de diversas iniciativas para fomentar o uso do transporte público e reducir os niveis de contaminación.
A Patrulla Verde, na que o Concello investiu 60.000 euros para a súa creación, é unha patrulla policial sostible que se fará cargo do cumprimento das ordenanzas municipais relacionadas co medio ambiente: ruídos, control de animais potencialmente perigosos, contaminación ambiental, etc. Utilizará un vehículo híbrido, que emprega un motor de combustión en combinación cun motor eléctrico.
Para realizar o seu traballo, a patrulla estará dotada dos seguintes medios:
-Un vehículo híbrido Toyota Prius totalmente equipado policialmente, con radio, luces, conos de sinalización, lanternas, prismáticos de visión nocturna, roda de medición.
-Equipos especiais: ordenador portátil con sistema GPRS, un sonómetro de marcación dixital, equipo de medida de emisión de ruídos de vehículos in situ, navegador GPS, equipos de protección individual para cada membro.
As concellerías de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente estableceron que a patrulla estea formada por once axentes, entre un sarxento, catro cabos e seis policías, que percorrerán a cidade en quendas de mañá, tarde e noite. Nesta patrulla traballarán dúas mulleres policía.
A medida enmárcase dentro das iniciativas impulsadas polo Concello a favor da sostenibilidade e pola pertenza á Rede de Cidades polo Clima, que establece a adopción de políticas que tendan a conseguir unha notable diminución de dióxido de carbono.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible