Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xaneiro de 2024

O Concello completa a primeira fase de reurbanización e humanización no grupo de vivendas de María Pita, no barrio de Labañou

As obras executáronse no espazo interior delimitado pola avenida de Labañou, un treito da rolda de Outeiro e o bloque de vivendas ao que se accede desde a rúa Tomás Fábregas

O Concello certificou esta semana a finalización dos traballos correspondentes á primeira fase de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita, situadas no sector norte do barrio de Labañou.

A intervención, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana, forma parte dun proxecto dividido en cinco fases -realizado polo estudio de arquitectura RVR-, co obxectivo de mellorar a calidade dos espazos públicos e garantir a accesibilidade universal na Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) do grupo de vivendas.

Neste sentido, os traballos asociados á primeira fase, xa concluída, executáronse nun dos espazos máis transitados pola veciñanza do barrio: o espazo interior delimitado pola avenida de Labañou, un treito da rolda de Outeiro e o bloque de vivendas ao que se accede desde a rúa Tomás Fábregas.

Neste enclave, o Concello creou unha nova zona de xogos e un espazo de lecer aberto ao aire libre. Para darlle forma, foi necesario eliminar o muro de contención que dividía anteriormente a praza. Desta forma, fíxose posible crear un pequeno parque infantil, configurado en dous niveis interconectados, onde se dispuxeron os xogos previstos sobre un firme de caucho que reforzará a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos.

A nova área de xogos inclúe, por exemplo, unha pequena parede de escalada, dous tobogáns, unha estrutura de múltiples xogos con cordas para trepar e tamén un bambán. 

Ademais, construíuse unha gran rampla para garantir a accesibilidade entre ambos os niveis do espazo interior. E, en paralelo, tamén se aproveitou para instalar novo mobiliario urbano e mellorar a contorna dende o punto de vista medioambiental e integración paisaxística, incrementando o número de árbores plantadas e a superficie de áreas verdes.

O calmado do tráfico, un dos grandes obxectivos do Goberno municipal

A intervención nos espazos públicos da ARRU María Pita - Labañou tamén implicou unha remodelación na configuración das rúas da contorna, agora en formato de plataforma única, diferenciando así as zonas de tránsito rodado e peonil.

A este respecto, cómpre lembrar que a circulación de vehículos pasa a estar limitada a unha velocidade máxima de 20 quilómetros por hora na contorna do ARRU. "O obxectivo é reforzar a seguridade viaria nas rúas lindeiras e interiores do grupo de vivendas. Debemos promover a convivencia entre peóns e automóbiles, mais priorizando sempre os primeiros", incidiu a alcaldesa, Inés Rey.

Ademais, aproveitouse esta actuación para substituír a marquesiña da parada 86 do transporte urbano (avenida de Labañou, 5), acometer diversas melloras en infraestruturas como a rede de saneamento de augas residuais e para a recollida de pluviais. A maiores, a iluminación renovouse por completo con dispositivos de última xeración, de tecnoloxía led.

Inés Rey lembrou que o Concello ten previsto dar continuidade este mesmo ano aos traballos de reurbanización na ARRU do grupo de vivendas María Pita - Labañou coa segunda fase prevista no proxecto de obra, que permitirá acometer melloras urbanísticas, medioambientais e de servizos públicos noutros puntos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión