Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xuño de 2022

O Concello reforza o servizo de limpeza das praias para a temporada de verán

Xa están instaladas as casetas de socorrismo nos areais e está prevista a creación dunha área de educación ambiental, ademais de papeleiras e elementos de accesibilidade

O Concello da Coruña continúa a preparar a temporada de praias na cidade deste verán. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou este venres un reforzo da limpeza dos areais durante os próximos meses. Esta actuación levada a cabo desde a Concellaría de Medio Ambiente irá acompañada da instalación das estruturas de socorrismo, cambiadores e elementos de accesibilidade.

A temporada de verán esténdese desde o 15 de xuño ao 15 de setembro. Neste tempo levaranse a cabo unha serie de tarefas desde o Concello para garantir a calidade destes espazos e das súas persoas usuarias. En primeiro lugar, procedeuse á explanación da duna de protección de Riazor. Aproveitouse para realizar tarefas de acondicionamento coa mesma maquinaria en Orzán e Matadoiro, e con outros medios materiais no resto de areais.

O seguinte paso foi a instalación das casetas de socorrismo. Habilitaranse tamén cambiadores e unha caseta que será empregada pola Fundación María José Jove, onde estarán dispoñibles cadeiras adaptadas para o baño de persoas con mobilidade reducida. A instalación de estruturas completarase despois da noite de San Xoán coa colocación de pasaareas e unha caseta de educación ambiental, onde se levarán a cabo actividades durante o verán de concienciación da cidadanía. Instalaranse tamén papeleiras de residuos orgánicos e inorgánicos.

Durante a noite de San Xoán, o servizo de limpeza reforzarase coa entrega de madeira nos areais. Desde o Concello ínstase a non baixar á praia madeira propia que poida conter cravos e outros elementos que supoñan un risco para a integridade física e o medio ambiente. Ademais, instalaranse novos baños portátiles, que se manterán durante toda a temporada de verán. A Área de Medio Ambiente tamén coordinará os labores de limpeza, que comezarán ás 6.00 horas do 24 de xuño.

Mantemento de todos os espazos

Durante os meses de verán haberá un servizo de limpeza especial a diario en todas as praias da cidade e a súa contorna, así como do mobiliario urbano existente, como os paneis informativos ou as duchas. Tamén serán revisados todos os elementos que lles permiten acceder aos areais ás persoas con mobilidade reducida, como as ramplas de acceso. Cabe recordar que o Concello acometeu o pasado ano unha mellora que permitiu a accesibilidade total ás praias de Oza, Santo Amaro e Riazor.

Haberá tamén un dispositivo para resolver de maneira inmediata incidencias puntuais como poden ser vertidos que prexudiquen a bañistas ou o varamento de animais. Tamén se levarán a cabo tarefas extraordinarias de limpeza en caso de realización de eventos deportivos e concertos nas praias. Este dispositivo especial do Concello para o verán ten como obxectivo manter a bandeira azul dos cinco areais da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión