28 de abril de 2007
Unha cúpula recuberta de láminas de cobre coroa o edificio, dende o que se goza das vistas da cidade e do seu contorno
O alcalde, Javier Losada, inaugurou o miradoiro do monte de San Pedro, construído sobre un antigo depósito de augas e coroado por unha gran cúpula dende a que se pode ver a cidade e o seu contorno. A estrutura completa a oferta turística e de servizos do parque, que nos últimos anos se recuperou como pulmón verde da cidade.
O edificio, construído nunha parcela de 16.380 metros cadrados, conta cunha planta baixa de accesos e dúas plantas superiores que serven como miradoiro e para aloxar os medios interactivos. Así, na primeira planta está o primeiro nivel do miradoiro, cunhas bancadas e toda a fronte libre para poder gozar das vistas. A escaleira e o ascensor levan o visitante á cota superior do depósito, coroado cunha lanterna que permite iluminar a estancia de forma natural.
O miradoiro do monte de San Pedro contará ademais cunha serie de medios interactivos e didácticos que lle explicarán ao visitante en cada momento que é o que está observando, a flora e fauna e a historia da Batería de Costa. Ademais, debuxará nos cristais unha liña esquemática para identificar os elementos máis significativos da cidade.
O exterior da cúpula está recuberto de láminas de cobre, cunha parte de cristal que permite observar a cidade. O miradoiro cuberto da segunda planta ocupa unha superficie de 664,60 metros cadrados.
O proxecto, redactado por un equipo de enxeñeiros e técnicos, respectou a vexetación natural da zona cun acceso ao miradoiro a través de sendeiros que o comunican coa zona do estanque e coa vía principal de acceso ao parque de San Pedro.
O proxecto pretendeu o acondicionamento do depósito para aproveitar o seu enorme potencial como miradoiro, pois posúe unhas vistas únicas da cidade e do seu contorno. A obra enmárcase na recuperación do parque do monte de San Pedro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible