28 de xullo de 2007
A praia de Riazor é a primeira de Galicia en incluír entre os seus servizos duchas de auga quente, a disposición dos bañistas, no que ademais supón unha experiencia pioneira en España, xa que non se coñece ningún outro areal que conte con esta instalación. O Concello, a través da concellería de Medio Ambiente, que dirixe a edil Nieves Vázquez, puxo en marcha un proxecto que, en función da demanda dos usuarios, pretende ampliar a todo o litoral coruñés esta oferta, co fin de seguir mellorando a atención ás persoas que gozan das praias da cidade.
Trátase dun proxecto piloto que comeza agora na praia de Riazor, onde hai xa dúas duchas de auga quente, xunto ao posto de Protección Civil, que lles permite aos bañistas evitar a auga fría. Esta actuación é posible grazas a un plan baseado nas enerxías renovables. Así, as duchas de auga quente son posibles grazas á enerxía solar. Para iso, instaláronse ata 12 paneis solares no teito do posto de Protección Civil, que xeran unha potencia de ata 16.580 vatios. Esta enerxía permite quentar a auga, procedente da rede pública de abastecemento. A auga quente almacénase nun depósito de 3.000 litros de auga, situado na parte de atrás do posto da Agrupación de Voluntarios e por unha condución chega ata as dúas duchas de auga, que se subministrará a uns 30 graos centígrados.
Deste xeito, os usuarios dos areais coruñeses poderán gozar dunha ducha de auga quente, no caso de que o desexen, ou poderán seguir gozando da habitual ducha de auga fría para antes ou despois do baño.
A concelleira de Medio Ambiente, Nieves Vázquez, mostrou a súa satisfacción por esta actuación pioneira, o que pon de manifesto o esforzo municipal por seguir mellorando a calidade das praias coruñesas e ampliando a oferta de servizos que xa se poñen a disposición dos bañistas. O obxectivo é ir ampliando ao resto de areais da cidade esta oferta de duchas de auga quente, sempre que conte coa suficiente demanda.
Co fin de mellorar a calidade dos areais, este ano incorporouse unha novidosa máquina ao servizo de limpeza. Trátase dunha máquina que airea e esponxa a area a unha profundidade de 25 centímetros, o que permite unha limpeza de gran calidade dos areais.
Ademais, nos últimos anos engadiuse a recollida selectiva nas praias, con depósitos de orgánicos e inorgánicos, así como a subministración de cinseiros para a recollida de cabichas.
Bandeiras azuis
Todo isto fai posible que todas as praias da cidade contan coa bandeira azul, distinción que recoñece a calidade do areal, das augas e dos servizos que se ofrecen. Ademais, Riazor conta este ano coa bandeira Ecoplaya, que recoñece a recuperación do litoral e a súa calidade ambiental.
A Coruña conta este ano cun total de cinco praias con bandeira azul, como son Orzán-Matadoiro, Riazor, San Amaro, As Lapas e Oza. Así, o 80% do litoral coruñés conta con bandeira azul. Ademais, todas as praias coruñesas están certificadas coa ISO 14.000, situación que poucos areais españois teñen.
Protección Civil
Por outro lado, o Concello comezou o 15 de xuño o dispositivo especial de vixilancia en todas as praias da cidade. Así, hai servizo de vixilancia nos areais coruñeses das Lapas, San Amaro, Oza, Santa Cristina, Riazor, Orzán e Matadoiro, aínda que nestas tres últimas o operativo xa se puxo en marcha o día 1 de xuño. A temporada estará aberta ata o 15 de setembro.
O operativo está formado por 74 persoas e cos seguintes horarios de vixilancia:
-Riazor, Orzán e Matadoiro, de 10 a 22 horas, todos os días.
-As Lapas, San Amaro, Oza e Santa Cristina, de 12 a 20 horas, todos os días.
O equipo que vixía as praias está formado por oito xefes de equipo, cincuenta socorristas acuáticos, dez socorristas sanitarios e seis condutores. En cada unha das praias da cidade hai un posto de salvamento, material sanitario, material de rescate (embarcacións, aros salvavidas, etc.), así como material para atender as situacións de urxencia.
Proxectos
Para o próximo ano está previsto un ambicioso plan de rexeneración das praias de Orzán e Riazor, con depósitos de area que amplíen a superficie e incluso, con marea baixa, permitan unir os dous areais na zona da coiraza, como existía antigamente. Tamén se estuda o balizamento destas praias, co fin de separar bañistas de embarcacións.
Igualmente, trabállase nun proxecto de accesibilidade na praia de Matadoiro e no proxecto de recuperación do predio dos Mariño, que se converterá nun espazo público para o descanso e un gran miradoiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible