Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

14 de xaneiro de 2014

O Concello cumpre o seu compromiso de buscar o equilibrio entre o dereito ao descanso dos veciños e o desenvolvemento da actividade económica na cidade

O Goberno local aproba a nova ordenanza para a prevención contra a contaminación acústica

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destaca no pleno que o obxectivo é que o texto final sexa o máis participativo posible.

O Goberno municipal aprobou de maneira inicial, no pleno realizado hoxe, a nova ordenanza municipal para a prevención contra a contaminación acústica, o que permitirá actualizar a anterior normativa, en vigor dende hai máis de 16 anos. Con esta medida, o Concello da Coruña cumpre o seu compromiso de buscar o equilibrio entre o dereito ao descanso dos veciños e o desenvolvemento de actividades socioeconómicas na cidade.

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, explicou que, tras manter diversas reunións cos colectivos sociais da cidade, dáse o visto e prace a un primeiro documento da nova ordenanza, co obxectivo de que a súa redacción final sexa o máis participativa posible. Unha vez aprobado no pleno, o documento poñerase a exposición pública durante un mes para acordar a mellor normativa e co obxectivo de que entre en vigor ao longo desta primavera.

"O Goberno municipal non só actualiza a ordenanza -vixente hai máis de 16 anos- ás novas leis e decretos, senón que ademais cumpre cun compromiso electoral para que todos os bares e cafeterías do grupo I poidan ter música ambiental, sempre que garantan a convivencia entre a actividade comercial e o descanso dos veciños, ofrecendo unha mellor calidade de vida á cidadanía. Trátase dunha ordenanza de vangarda a nivel autonómico que prioriza a prevención da contaminación acústica a través de medidas de illamento", destacou o tenente de alcalde.

A nova ordenanza municipal regula calquera actividade que xere ruído na cidade, dende o ámbito da hostalería e o comercio ata o tráfico, a execución de obras ou as relacións de convivencia entre veciños. "É unha ordenanza completa e transversal, que recolle unha nova filosofía baseada na planificación e a prevención, incluíndo o mapa de ruídos e os plans específicos para cada zona", detallou Fernández Prado, quen lembrou que existen dous documentos claves: o estudo acústico que determinará os focos emisores e as medidas correctoras que hai que tomar; e a certificación de cumprimento que garantirá que se tomaron esas medidas.

A ordenanza clasifica as actividades en diferentes grupos para establecer de maneira máis detallada as medidas de insonorización que necesitará cada local de hostalería. Como grandes novidades, inclúe a creación dun novo grupo I. B. que permite a música ambiente en bares e cafeterías, e elimina o grupo V (barras americanas) para incorporalo ao grupo IV (instalacións especiais).

- GRUPO I. A. Restaurante, bar e café bar, cafetería e salón de banquetes. Actividades sen equipos de reprodución ou amplificación sonora, fóra de aparellos de televisión, con niveis sonoros de ata 75 decibeis.

- GRUPO I. B. Restaurante, bar e café bar, cafetería e salón de banquetes. Actividades sen equipos de reprodución ou amplificación sonora ou audiovisual, salvo sistemas tipo fío musical ou aparellos de televisión, con niveis de ata 75 decibeis.

- GRUPO II. Pub. Actividades con equipos de reprodución ou amplificación sonora ou audiovisual e niveis sonoros previsibles de ata 80 decibeis.

- GRUPO III. Karaoke, taboado flamenco, salón de banquetes con actividade de baile posterior, e café teatro, café concerto e café cantante. Actividades con equipos de reprodución ou amplificación sonora ou audiovisual, con actuacións en directo e niveis sonoros previsibles de ata 90 decibeis.

- GRUPO IV. Salas de festa, discotecas e salas de baile. Actividades con equipo de reprodución ou amplificación sonora ou audiovisual, que dispoña de pista de baile, e niveis sonoros previsibles de ata 95 decibeis.

Fernández Prado explicou que a nova ordenanza establece que se poden instalar varias actividades por edificio para os establecementos do grupo I sempre que cumpran unha serie de requisitos. Ademais, para que os locais do grupo I. B. poidan dispoñer de música ambiente deberán acreditar a adopción das medidas correctoras necesarias para evitar molestias ao resto de veciños da zona. Tamén se ofrecerán bonificacións fiscais para a realización de traballos de mellora e control das condicións acústicas dos establecementos.

Os locais de hostalería do tipo II e III gardarán unha distancia entre si de 25 metros; aínda que no caso dos establecementos do grupo IV a distancia terá que acadar os 100 metros, non podendo implantar dúas actividades deste tipo na mesma rúa.

Dentro deste compromiso municipal pola prevención da contaminación acústica, o Concello coruñés prevé crear un rexistro de modelos de sonógrafos-limitadores coa súa ficha técnica, así como os protocolos de transmisión telemática do limitador, podendo acceder os servizos técnicos municipais ao limitador de forma remota e visualizar en tempo real os niveis sonoros existentes no local. A maiores, a través do Sistema de Información Ambiental Municipal e dentro da filosofía de traballo de Smart City, o Concello poñerá a disposición da cidadanía toda a información relativa aos niveis de contaminación acústica.

A intención do Concello é desenvolver, ademais deste texto contra a contaminación acústica, outras dúas ordenanzas (para licenzas e tramitación; e para condicionantes e esixencias para a actividade de hostalería e lecer), pois na actualidade están as tres nun mesmo texto articulado, deixando así máis ordenada a regulación normativa municipal. A ordenanza de control da contaminación acústica redactouse en coordinación coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que contén a actualización do mapa de ruídos da cidade.

"Con esta ordenanza non existe a vontade de prohibir ningunha actividade na rúa durante o horario diúrno por cuestións de contaminación acústica, tan só se pretende regular as emisións de ruído que poidan resultar molestas a terceiros. Por iso, actividades como a música na rúa non se prohiben, senón que se busca a posibilidade de que cando sexan molestas poidan controlarse a través dunha autorización municipal", concluíu Fernández Prado.

EMPREGO E MEDIO AMBIENTE

A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade unha moción de Esquerda Unida-Os Verdes para apoiar os traballadores de Isolux Ingeniería en Coirós. A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, defendeu a necesidade de "buscar sempre unha solución", a través do "diálogo", que aposte polos postos de traballo. "É bo que hoxe se constate aquí, unha vez máis, o consenso nun asunto tan importante", subliñou a concelleira.

O responsable municipal de Medio Ambiente, Enrique Salvador, destacou o traballo desenvolvido polo Goberno local a través do seu departamento para "mellorar día a día" e contar cunha "cidade máis limpa, sostible e ordenada". Neste sentido, explicou que o Concello logrou unha organización máis eficiente dos servizos de limpeza viaria e recollida de residuos. Así, o Plan RUA, que inclúe 30 servizos municipais, permitiu actuar en 1,6 millóns de metros cadrados de rúas e prazas con dedicación intensiva, a maiores dos servizos ordinarios; colaborouse coas asociacións de hostalería e comercio para reforzar a recollida de residuos; e mellorouse a xestión do proceso de reciclaxe, con decisións compartidas co Consorcio das Mariñas e que permitiron aforrar 450.000 euros ao ano no canon de tratamento e un millón de euros ao ano na xestión de rexeitamentos, ademais de incrementar a reciclaxe de residuos en 7 puntos nos dous últimos anos e nun 13% nos ingresos por valorización.

Econsellos Sustentabilidade

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión