Concello da Coruña

Concello da Coruña

Fotografía aérea do sistema defensivo do castro de Elviña

O sistema defensivo

Un perímetro con tres murallas

Como é habitual nos castros, Elviña conta cunha localización estratéxica no cume dun outeiro. Pero non só conta con esta defensa, senón que tamén presenta un complexo sistema con tres liñas de muralla, que se adapta á configuración da contorna e que delimita unha extensión superior ás 6 hectáreas. As murallas, como é lóxico, contaron cunha funcionalidade defensiva, pero tamén eran un símbolo de poder, definindo a identidade local e a capacidade do poboado a través da monumentalidade das murallas.

Un complexo sistema defensivo

Como indicamos no seu respectivo apartado, o castro contou cunha primeira configuración, definida por unha muralla graduada de 1 m de anchura e da que apenas conservamos un pequeno tramo.

Esta muralla foi destruída para construír a totalidade do sistema que agora podemos observar. A pesar de que inicialmente se considerou que o castro foi construído en distintas fases, os datos actuais indican que as tres liñas coñecidas de muralla foron parte dunha mesma planificación construtiva. Isto é apreciable grazas á aplicación das mesmas técnicas e pola identificación dunha estratigrafía moi semellante en todos os seus niveis de construción e abandono. Parece que foi construída en torno ao s. III a.C., sendo abandonada na primeira metade do I d.C., tal e como indican os materiais identificados nos sucesivos niveis de destrución e abandono dos dous accesos da croa, no acceso exterior ou na terceira liña de muralla.

Se debullamos cada tramo de muralla, a liña da acrópole presenta entre 3 e 5 m de espesor, e nalgúns tramos conserva unha altura superior aos 3 m, aínda que debeu presentar unha altura superior no seu momento. A cara interna da croa, como tamén acontece no resto das liñas, dispoñía dun camiño de rolda delimitado por un muro. A muralla da croa presenta dúas portas de carácter monumental, de idéntica factura: dous torreóns encostados á muralla que deixan paso a un camiño pavimentado.

As terrazas amuralladas

Nas saias do monte, despréganse outras tres liñas de muralla, duns 3 m de espesor, que se unen ao leste e oeste coa da acrópole, ampliando en boa medida a extensión do poboado. A pesar de que probablemente existirían máis portas entre elas, só coñecemos unha: o acceso exterior da banda suroeste, na última liña de muralla. Este acceso, completamente aliñado co acceso da croa (outra mostra da planificación sistemática e conxunta do sistema defensivo), defínese por dous torreóns encostados á muralla e un camiño pavimentado... pero vese complementado cunha estrutura construtiva que se prolonga cara o suroeste e que finaliza, polo menos nunha das bandas, nun novo torreón. Este complexo sistema contaría, canto menos, con tres portas de acceso, e suporía un sistema de control exhaustivo de calquera que pretendese acceder ao castro.

  • O sistema defensivo

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Horario de verán

(1 de xuño - 30 de setembro)

Sábados e domingos ás 12.00 h

Horario de inverno

(1 de outubro - 31 de maio)

Domingos ás 12.00 h

Contacto

RESERVA PREVIA no teléfono do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais: 010 / 981 184 278

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión