Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Redes estratéxicas: participación municipal

compartir, idea

Ademais dos plans estratéxicos e sectoriais, é importante darlle a coñecer á cidadanía a participación dun concello nalgunha rede estatal ou internacional relacionada con áreas temáticas ou sectores específicos, da que esa Administración pode formar parte activa como membro participante ou como colaborador, pero sen ser necesariamente a entidade responsable da súa estrutura e contidos.

Estes son algúns exemplos desa participación noutras redes ou estratexias:

Rede Cidades Intelixentes (RECI)

Forma parte do proxecto Smart City. A Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI) empezou a xestarse en xuño de 2011, co compromiso de crear unha rede aberta para propiciar o progreso económico, social e empresarial das cidades a través da innovación e o coñecemento, apoiándose nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

A Rede constituíuse formalmente en xuño de 2012 co obxectivo de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente para desenvolver un modelo de xestión sustentable e mellorar a calidade de vida dos cidadáns, incidindo en aspectos como o aforro enerxético, a mobilidade sustentable, a administración electrónica, a atención ás persoas ou a seguridade.

A cidade da Coruña estivo implicada na súa creación desde os seus inicios, sendo actualmente a cidade que lidera o Grupo de Traballo 1 sobre Innovación Social.

+ INFORMACIÓN

Rede Cidades Educadoras (RECE)

Fundada en 1994, a Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE) é unha Asociación sen ánimo de lucro, constituída como unha estrutura permanente de colaboración entre os gobernos locais comprometidos coa Carta de Cidades Educadoras, que é a folla de ruta das cidades que a compoñen.

Entre outros, os seus obxectivos céntranse en proclamar e reclamar a importancia da educación na cidade, poñer de relevo as vertentes educativas dos proxectos políticos das cidades asociadas e impulsar a profundización do concepto Cidade Educadora e as súas aplicacións concretas nas políticas das cidades, a través de intercambios, encontros, proxectos comúns, congresos e todas as actividades e iniciativas que reforcen os lazos entre as cidades asociadas.

+ INFORMACIÓN

Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é un organismo sen ánimo de lucro que se dedica a apoiar todas aquelas iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza do sistema urbano da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se caracteriza por unhas realidades socioeconómicas e culturais similares. Este espazo eurorregional integra, entre outras, as 7 grandes cidades galegas.

A súa finalidade principal é o desenvolvemento económico, social, cultural, tecnolóxico e científico das cidades e rexións que o constitúen mediante a definición dun territorio común. Considéranse obxectivos prioritarios:

  • Fomento de obras e infraestruturas
  • Política Social e cultural
  • Protección e promoción do ambiente
  • Turismo
  • Promoción de todo ou tipo de actividades sociais, culturais e deportivas que se identifiquen coas raíces e identidade dos municipios membros e que favorezan a cohesión do sistema urbano da eurorrexión norte de Portugal-Galicia.

+ INFORMACIÓN

Civinet

A Rede CIVINET España e Portugal é unha rede para entidades locais (cidades, provincias, comarcas...) aberta tamén a outros membros asociados (universidades, autoridades de transporte, centro tecnolóxicos ou empresas privadas) con intereses na Mobilidade Sustentable. O principal beneficio dos seus membros é o de compartir experiencias a nivel local.

É a única Rede a nivel estatal que se preocupa de todos os aspectos relativos á mobilidade sustentable, aforro enerxético e redución de emisións a través de:

  • Redución do impacto no cambio climático
  • Redución do custo do Transporte e da Mobilidade
  • Mellora da saúde e da calidade do aire.

A Rede xeral chámase CIVITAS e conta coa participación da Comisión Europea, polo que ser membro e pertencer á mesma é gratuíto.

+ INFORMACIÓN

Rede Enerxía Sustentable

A Rede de Enerxía Sustentable da Coruña créase dentro dun dos paquetes de traballo dos que se compón o proxecto PRACTISE ENERGY, no que se recollen todas as actuacións encamiñadas a elaborar e poñer en marcha unha metodoloxía de consulta e participación cidadá para o proxecto.

O liderado deste paquete de traballo correspóndelle á nosa cidade, polo que, aproveitando a experiencia doutras redes locais, propúxose esta nova Rede para acoller á maior parte dos actores locais que, dunha maneira ou outra, exercen influencia no campo da enerxía, posibilitando así o deseño dunha estratexia clara a curto, medio e longo prazo en materia de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático.

+ INFORMACIÓN

Rede de Cidades Atlánticas

A Conferencia de Cidades do Arco Atlantico converteuse nunha rede de cooperación territorial baseada na identidade particular das Cidades Atlánticas (Atlantic Cities). Desde o 2000, a Rede afirmou a súa posición como Foro Urbano Atlántico, facilitando tanto a cooperación entre os seus membros como con outros actores, sensibilizando ás institucións europeas nas cuestións que preocupan ás cidades atlánticas.

As Comisións Temáticas representan a dimensión técnica da CCAA. Dirixidas por unha cidade presidente, as Comisións canalizan os proxectos europeos, os grupos de traballo e os documentos de posición. As temáticas principais son:

  1. A política urbana innovadora
  2. As Cidades Creativas.
  3. A acción económica e social das cidades (Innovación Social)
  4. O desenvolvemento sustentable e o crecemento azul

+ INFORMACIÓN

Rede Innpulso

O obxectivo da REDE INNPULSO é recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de Ciencia e Innovación realizan as Administracións Locais cuxos obxectivos son propiciar a colaboración entre os Concellos, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros Concellos e contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo sustentable a nivel económico e social.

En xaneiro de 2011 entregáronse os primeiros distintivos "Cidade da Ciencia e a Innovación" a 30 concellos seleccionados entre aqueles que presentaran a súa candidatura, por realizar un esforzo para potenciar o coñecemento e as infraestruturas innovadoras científicas, tecnolóxicas e sociais, propiciando o cambio cara a un modelo económico sustentable.

A Coruña forma parte da Rede dentro das cidades catalogadas como "grandes" ao superar os 100.000 habitantes.

+ INFORMACIÓN

Rede Coruña Emprega II

Está promovida pola área de Emprego e Empresa do Concello da Coruña e cofinanciado polo Fondo Social Europeo co obxectivo de facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para a súa incorporación ao mercado de traballo, favorecer a inclusión social e a conciliación da vida persoal e laboral, o que se desenvolverá a través de itinerarios integrados de inserción sociolaboral

Esta Rede Coruña Emprega, de apoio á demanda de emprego na cidade da Coruña, foi posible grazas ao Pacto Local polo Emprego, e está baseada no compromiso, a concertación, o benestar social, a innovación e a calidade, e está composta polas principais entidades públicas e privadas do territorio.

+ INFORMACIÓN

Comité AEN/CTN 178 - CIDADES INTELIXENTES de AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación)

Unha norma é un documento técnico de aplicación voluntaria froito do consenso, baseado nos resultados da experiencia e do desenvolvemento tecnolóxico e aprobado por un organismo de normalización recoñecido.

As normas garanten uns niveis de calidade e seguridade que permiten a calquera empresa situarse mellor no mercado e constitúen unha importante fonte de información para os profesionais de calquera actividade económica. As normas técnicas elabóranse no seo de AENOR a través dos Comités Técnicos de Normalización nos que están presentes todas as partes interesadas. Esta participación posibilita o acceso e a capacidade de influír no contido das normas europeas e internacionais.

O concello da Coruña participa no Comité AEN/CTN 178 - CIDADES INTELIXENTES, sendo o seu campo de actividade o da normalización dos requisitos, directrices, técnicas, indicadores e ferramentas que contribúan ao desenvolvemento das comunidades cara a comunidades "intelixentes". Dentro deste COMITÉ, o Concello da Coruña participa nos grupos "Indicadores e Semántica" e "Goberno e Mobilidade".

+ INFORMACIÓN

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión