Concello da Coruña

Concello da Coruña

Consulta pública previa sobre a Ordenanza da administración dixital do Concello da Coruña

O Concello da Coruña eleva a consulta pública previa o anteproxecto da Ordenanza municipal reguladora da administración dixital no Concello da Coruña, que se prevé que entre en vigor nos próximos meses.

A cidadanía poderá achegar as súas suxestións a través deste formulario habilitado na web municipal e para iso disporá dun prazo de 20 días hábiles (contados a partir do 05.10.2022 e que finalizarán o 04.11.2022, ambos incluídos).

O obxectivo desta iniciativa consiste en configurar unha contorna tecnolóxica municipal que ofreza múltiples vantaxes: diminución dos tempos de resolución de trámites, simplificación e automatización de procedementos e procesos a través das tecnoloxías emerxentes, homoxeneización e normalización das actuacións administrativas e incremento da interoperabilidade da entidade local con outras administracións públicas, a nivel local, autonómico, estatal e europeo.

Entre as finalidades principais desta ordenanza, figuran as de ampliar os principios xerais para o desenvolvemento da administración electrónica, así como a participación cidadá a través de medios electrónicos; incorporar aos procedementos administrativos as melloras que achega o uso dos medios electrónicos e das novas tecnoloxías; mellorar a eficacia e a eficiencia da actuación administrativa dos/das empregados/as públicos/as, así como da súa relación coa cidadanía; e establecer un modelo de xestión pública baseado no uso eficiente dos datos e dos medios tecnolóxicos do sector público municipal, coa vocación de reducir as cargas administrativas que pesan sobre as persoas e as empresas.

A ordenanza será de aplicación a todas as entidades, organismos ou sociedades que conforman o sector público local do Concello da Coruña, nos termos que se determinen.

A participación da cidadanía nos procedementos de elaboración de normas con rango de lei e regulamentos regúlase no artigo 133 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nel establécese que, con carácter previo á elaboración do proxecto ou anteproxecto da nova normativa, levarase a cabo unha consulta pública, a través do portal web da Administración competente, na que se solicitará a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias. Achégase como anexo un documento no que se detallan todas esas cuestións, sen prexuízo das modificacións que se poidan introducir durante o proceso da elaboración definitiva da devandita ordenanza.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión