Fotografa aérea da rede de camiños da contorna do castro de Elviña
A importancia das vías de comunicación terrestres
O castro e o asentamento da península da Coruña exerceron unha grande influencia na estruturación da rexión. A pesar de que non contamos con demasiados datos sobre redes viarias prehistóricas e antigas, sabemos que existe un trazado pavimentado no Castro de Elviña que, orientado en dirección NW-SE, correspóndese parcialmente, coa ruta do camiño tradicional de Castro a Mesoiro. Isto non debe resultarnos estraño, pois as rutas, ao longo da historia, tenden a reutilizarse, reinterpretarse e modificarse, esquecendo e tapando os vellos camiños, pero preservando a súa memoria a través da reutilización dunha mesma zona de tránsito.
De feito, na contorna de Elviña existen unha serie de camiños organizados de forma que permiten a comunicación e acceso da contorna inmediata do castro, e que quedaron impresos no espazo rural tradicional. Entre outros, consérvanse denominacións como o Camiño do Escorial ou o da Agra do Bico, ademais do mencionado camiño de Castro a Mesoiro.
En época galaicorromana, o sistema de camiños experimentou unha notable transformación. É moi probable que existise un acceso dunha das principais vías do noroeste, a Vía XX ou Per Loca Marítima, que daría acceso ao propio Brigantium e que o conectaría co resto dos asentamentos máis relevantes do NW. Na actualidade, descoñécese a localización concreta deste camiño, aínda que é probable que accedese polas zonas de tránsito natural situadas na contorna de Ledoño, sorteando o Monte Xalo pola súa banda oeste.
Coa expansión urbana da cidade, moitas das evidencias relativas ao modo de vida tradicional, incluíndo tamén as redes de camiños, foron profundamente alteradas ou destruídas por completo. A desaparición do modelo de vida tradicional provocou a ruptura e o descoñecemento dos nosos vellos costumes e a perda de información necesaria e valiosa para coñecer as nosas raíces.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible