Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Quedaches con algunha dúbida? Ponte en contacto connosco se necesitas ampliar a información.

Cando teño que matricularme na ESO e no bacharelato?

O prazo de solicitude de admisión  nos centros docentes sostidos con fondos públicos adoita ser do 1 ao 20 de marzo. O alumnado admitido matricularase no centro educativo correspondente do 25 de xuño ao 10 de xullo.

A Educación Secundaria para persoas adultas tamén dura 4 cursos?

Non.

Dependendo dos estudos previos que realizara a persoa interesada, poden cursarse en dous ou nun curso escolar.

Que é un ciclo formativo? É o mesmo que un módulo?

Cada título de Formación Profesional é un ciclo formativo e non un módulo.

O módulo profesional é soamente unha parte do ciclo formativo. É o equivalente a unha materia en outro tipo de estudos.

Para obter un título de Formación Profesional é necesario superar todos os módulos do ciclo formativo.

Cando teño que facer a matrícula nos ciclos de Fp?

O prazo de solicitude de admisión para os ciclos formativos medios e superiores da FP adoita ser a última semana do mes de xuño.

O prazo de solicitude de admisión para os ciclos formativos básicos da FP é nos primeiros días do mes de setembro.

Cales son os requisitos para acceder a un ciclo medio de FP?

  • Estar en posesión do título da ESO.
  • Estar en posesión dun Título Profesional Básico.
  • Ter superada a proba de acceso aos ciclos medios.
  • Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos...

Cales son os requisitos para acceder a un ciclo superior de FP?

  • Estar en posesión do título de bacharelato.
  • Estar en posesión dun título de Técnica/o (ciclo medio).
  • Ter superada a proba de acceso aos ciclos superiores.
  • Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos...

Que diferencia hai entre réxime ordinario e réxime para persoas adultas?

O réxime ordinario está organizado en cursos en quendas de mañá e tarde, segundo o horario establecido polo centro educativo.A asistencia ás clases é obrigatoria.O alumnado que estea en condicións de pasar ao segundo curso ou teña que repetir o curso deberá realizar unha solicitude de admisión. Terá a praza garantida sempre que o curse no ano seguinte e por primeira vez no mesmo centro e ciclo.

O réxime para persoas adultas (maiores de 18) está organizado en módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso.Para a obtención do título será preciso superar todos os módulos do  ciclo formativo.Cada curso haberá que facer unha nova solicitude de admisión. Aínda que a praza non está garantida, cada módulo superado incrementa a puntuación de participación no proceso de admisión.

Na modalidade presencial, a xornada lectiva desenvólvese en quenda de tarde-noite. A asistencia ás clases é obrigatoria.

Na modalidade semipresencial-distancia, a asistencia a titorías e outros eventos formativos presenciais é recomendable, pero non obrigatoria. Si é obrigatoria a asistencia as actividades de avaliación de cada trimestre. Para a realización das actividades a distancia seguiranse as instrucións do titor ou titora do curso.

Que é unha Fp Dual?

A FP dual é unha modalidade de formación profesional que ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia combinando a formación do alumnado no centro educativo coa súa formación e a súa actividade na empresa.

O alumnado pode ter a condición de bolseira/o ou ser contratada/o pola empresa mediante un contrato de formación e aprendizaxe. 

O alumnado percibe unha remuneración proporcional ao tempo de permanencia na empresa que non foi destinado á formación: tempo efectivo de traballo.

As cualificacións da ABAU caducan?

A cualificación da parte obrigatoria, non caduca, ten validez indefinida.

As cualificacións da parte voluntaria terán validez, sempre que se aprobe a parte obrigatoria, para 2 cursos, é dicir, para o que obtiveches as cualificacións e para o seguinte.

Podo acceder á os estudos de Grao desde un Ciclo Superior?

Si.

A persoa que dispoña dun título de técnica/o superior de formación profesional, ou dun título de técnica/o superior de artes plásticas e deseño, ou dun título de técnica/o deportivo superior, poderá acceder de modo directo, sen necesidade de proba, a calquera ensinanza universitaria de grao.

A nota de admisión será a media do ciclo superior.

Nota de admisión= NMC (nota media do ciclo)

Podo mellorar a miña nota de admisión á universidade se veño dun ciclo superior?

Si.

Poderás mellorar a nota realizando a parte voluntaria da ABAU.

A nota de admisión calcularase mediante a seguinte fórmula:

  • Nota de admisión= NMC + a*M1+ b*M2

NMC: nota media do ciclo superior.

M1 e M2: as cualificacións dun máximo de dúas materias superadas na parte voluntaria que proporcionen mellor nota de admisión.

a e b: parámetros de ponderación das materias dos exercicios superados. Podes consultalos na páxina web da CiUG.

Existen axudas para estudar?

Si.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional ofrece bolsas e axudas para diferentes niveis de ensino. As principais son:

a) Bolsas xerais para estudos postobrigatorios non universitarios, para as persoas matriculadas en:

  • Bacharelato.
  • Ciclos básicos, medios e superiores de formación profesional.
  • Ensinanzas artísticas profesionais.
  • Ensinanzas deportivas.
  • Ensinanzas artísticas superiores.
  • Ensinanzas de idiomas en escolas oficiais.

b) Bolsas xerais para estudos postobrigatorios universitarios, para as matriculadas en:

  • Ensinanzas universitarias para títulos de grao e de máster.
  • Curso de acceso á universidade para maiores de 25 anos (impartido por universidades públicas)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión