
Quen son?
Xavier Campos. Bibliotecario.
Biblioteca e barrio.
Traballo na Biblioteca Ágora, a máis nova das bibliotecas municipais da Coruña, que abriu no 2012 para dar servizo aos barrios da Agra do Orzán, Ventorrillo, Mariñeiros e San Pedro de Visma.
Esta é unha zona con características e necesidades específicas, que deben ser atendidas desde os poderes públicos. A ausencia de espazos de vida en común como consecuencia do aberrante modelo urbanístico dos anos 60 e 70, a diversidade cultural froito das sucesivas vagas migratorias, o impacto da crise e das grandes superficies no comercio da zona despois do esplendor dos 90 da Rúa Barcelona, os niveis de desemprego que padecemos ... son algúns deles, se cadra os máis evidentes. Hai outros dos que se fala menos pero que tamén percibimos e vivimos na Biblioteca, como os que teñen a ver coa saúde a coas consecuencias psicosociais dos problemas devanditos.
Especialmente a zona da Agra do Orzán, coa maior densidade de poboación de todo o Estado, era una zona moi infradotada en servizos e infraestruturas públicas, e a creación do Centro e da Biblioteca Ágora tiñan por obxectivo axudar a paliar esa realidade e contribuír ao progreso social do entorno. Niso estamos, a pesar de moitos condicionantes. E tamén hai que dicir que, xunto cos problemas descritos o barrio ten tamén fortalezas importantes. A mellor, para min, o feito de contar con moitos colectivos e persoas movéndose, traballando, levando adiante iniciativas no ámbito social e cultural, con consciencia e vontade de reforzar a veciñanza e o ben común.
Cal é o seu traballo, a quen se dirixe e como é o seu día a día no centro?
Traballo en todo o que ten a ver coa relación da nosa Biblioteca co seu entorno, a través de proxectos e iniciativas que buscan colaborar coas entidades e colectivos actuantes nel. Pódese ver o que facemos no blog Suma Ágora
Que é o que máis lle gusta do seu traballo na biblioteca?
Gústame sentir que a biblioteca é útil á xente, sexa na atención no mostrador, sexa no contacto diario coas persoas que nos visitan sexa a través dos programas que desenvolvemos cos centros de ensino, coas escolas infantís, cos institutos de secundaria, coas asociacións... Trátase de tentar incidir na mellora social e cultural da zona, e non perder de vista o que somos: unha biblioteca pública e de proximidade.
Recomendación dun libro que as nosas usuarias poden atopar na súa biblioteca.
Por ser un dos últimos que lin e dun xénero que me gusta, o teatro, recomendo un clásico, a Antígona de Jean Anouilh, que á súa vez é unha relectura doutro clásico universal, a Antígona de Sófocles.
Que ninguén se asuste: é sinxelo de ler, comprensíbel e desde logo moi recomendábel para nos cuestionar, a nós mesmos, sobre os límites da nosa liberdade e sobre os condicionantes que nos afectan á hora de tomar decisións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible