
As Bibliotecas Municipais da Coruña celebramos o Día das Letras Galegas cunha programación especial arredor da figura de Begoña Caamaño, reivindicando a creación literaria en galego a través de mostras bibliográficas, recomendacións lectoras, accións participativas e actividades musicais.
Con motivo do Día das Letras Galegas, as Bibliotecas Municipais da Coruña organizan unha programación especial dedicada a Begoña Caamaño, xornalista e escritora fundamental das letras galegas contemporáneas.
Durante varios días, as bibliotecas converteranse nun espazo para descubrir e compartir literatura en galego a través de distintas accións culturais, divulgativas e participativas. A programación inclúe exposicións bibliográficas baixo o título "As mulleres das letras e voz de Begoña Caamaño", centros de interese con obras da autora e unha selección de recomendacións lectoras elaboradas polo persoal bibliotecario.
O acto central da programación será o encontro "Memoria viva e letra escrita" Encontro ao redor da figura de Begoña Caamaño , que terá lugar o 15 de maio na Biblioteca Ágora. Esta mesa redonda, especialmente dirixida aos clubs de lectura e ás persoas interesadas na literatura galega, permitirá afondar na vida, obra e compromiso público de Begoña Caamaño da man de Beatriz Maceda e Marga Do Val.
Entre as actividades destacadas atópase tamén a proxección continua do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, producido pola Real Academia Galega, así como un mural colectivo no que as persoas usuarias poderán compartir a súa palabra favorita en galego. Ademais, repartiranse pequenas citas inspiradas nas obras da autora para descubrir entre os libros e espazos bibliotecarios.
A programación complétase coa colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña no concerto de Ialma no AgoraSón da primavera 2026 e cunha entrevista especial en Bibliosons.
Unha celebración colectiva da lingua galega, da lectura e da creación cultural feita desde as bibliotecas para toda a cidadanía.
Programación completa
- Encontros para familias. Especial Xentiña da terra: "Onde nace a lingua"
- Encontros para familias. Especial Xentiña da terra: "Dende Exeria a Begoña Caamaño"
- Encontros para familias. Especial Xentiña da terra: "Onda Caamaño"

As mulleres ao longo da historia do Día das Letras Galegas
Ao longo da historia do Día das Letras Galegas, só un pequeno número de mulleres conseguiu ocupar o lugar central desta celebración dedicada á lingua e á cultura galegas. Escritoras, poetas, mestras, xornalistas, músicas e creadoras que, malia as dificultades do seu tempo, deixaron unha pegada imprescindible na nosa memoria colectiva.
Aproveitamos a celebración desta edición para reivindicar e darlles visibilidade ás mulleres homenaxeadas ata o momento, figuras fundamentais para entender a evolución da literatura e da creación cultural en Galicia.
Figura esencial da literatura galega e símbolo do Rexurdimento. Coa súa obra, Rosalía devolveu dignidade literaria á lingua galega e abriu un camiño que continúa vivo hoxe.
Narradora e poeta coruñesa, considerada unha das primeiras mulleres en escribir novela en galego. A súa obra deulles voz ao mundo rural e ás mulleres da súa época.
Poeta singular e profundamente innovadora. A súa escrita, marcada pola forza simbólica e a conexión coa natureza, foi recoñecida de maneira tardía como unha das voces máis orixinais da poesía galega.
Escritora e profesora comprometida coa lingua galega e coa lectura entre a mocidade. Foi pioneira na literatura infantil e xuvenil en galego.
Poeta, tradutora e editora. A súa obra rompeu moldes tanto na linguaxe como na forma de entender a poesía, e converteuse nun referente contemporáneo das Letras galegas.
Escritora, violinista e intelectual coruñesa. A súa obra combinou literatura, música e pensamento crítico cunha mirada profundamente comprometida coa realidade social e cultural.
Por primeira vez, o Día das Letras Galegas recoñece de maneira colectiva as mulleres transmisoras da tradición oral e musical galega. As cantareiras foron fundamentais para conservar e transmitir a lingua, a memoria e a cultura popular.
Xornalista e escritora feminista, destacou pola súa defensa da lingua galega e pola revisión crítica dos relatos tradicionais desde unha perspectiva de xénero. A súa obra converteuse nun referente da narrativa galega contemporánea.
Tamén che pode interesar
Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible