Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Área de Fomento e Promoción da cidade

Hoxe libra... Vanesa Ríos

Vanesa Ríos, da Biblioteca Fórum

Quen son?

Vanesa Ríos, bibliotecaria (técnico de biblioteca)

En que biblioteca e barrio traballo?

Na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano. Está nun edificio que funciona como centro de servizos culturais integrados con biblioteca, cines, auditorio e centro de información xuvenil, o que fai que interactuemos e en ocasións compartamos recursos. O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue en pleno corazón do Parque Europa, unha importante zona verde da cidade que forma parte de Oza Gaiteira Os Castros, un barrio cheo de vida con moitísimo movemento.

Cal é o meu papel na Biblioteca Forum? Como é o meu día a día no centro?

Como técnico de biblioteca entre as miñas funcións están as de seleccionar e catalogar a colección de fondos que albergamos no centro. Tamén colaboro na elaboración de mostras bibliográficas temáticas coa conseguinte programación de actividades que as complenta e lle aporta un valor engadido, conseguindo así dar unha maior visibilidade e accesibilidade aos fondos. Con esta e outras actividades traballo na promoción lectora entre pequenos e maiores, coordino un club de lectura e con frecuencia tamén escribo no blog Bibliosons para dar conta do amplo fondo musical das nosas bibliotecas, publicando recensións, noticias e novidades musicais. A música é algo polo que devezo e grazas ao Bibliosons tamén podo poñer en práctica as inmensas posibilidades de comunicación que nos ofrece Internet. Entre tanto, procuro sempre gardar un oco para a atención ao usuario no mostrador porque intercambiar experiencias e opinións cos veciños sempre é moi enriquecedor.

Que é o que máis me gusta do traballo na biblioteca?

Coa que está caendo, traballar naquilo para o que te formaches por vocación xa é todo un luxo e procuro espremelo ao máximo a diario. Así que calquera das tarefas que desenvolvo no meu día a día fágoa con gusto (selección e catalogación, comunicación 2.0...), pero, se teño que resaltar algo diferente, destacaría a participación no club de ciencia e investigación. É un club para nenos e nenas de 8 a 12 anos con inquietudes por aprender e descubrir sempre cousas novas. Aínda que ás veces resulte esgotador comprobar como a túa enerxía non chega nin á metade da que teñen os pequenos, traballar con este grupo de usuarios sempre me ofrece unha visión produtiva e diferente  para o meu traballo.

Recomendación dun libro que @s nos@s usuari@s poden atopar na súa biblioteca.

Como un dos pasatempos ao que máis tempo lle dedico é  a música, a miña recomendación ten que ser un disco. Podería recomendar un cento, e moitos dos que xa falamos no Bibliosons, pero desta volta vou quedar con algo da terra, Aínda. É o primeiro e até o de agora, único traballo de Alba María, unha moza de tan só dezanove anos filla da emigración galega. A pesar da súa xuventude a súa voz conta coa madurez suficiente como para consolidarse e deixar pegada no paranorama musical galego. A edición do disco correu a cargo de aCentral Folque e o resto da sonoridade conséguea rodeándose dun afamado elenco de músicos do folque e do jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez... Agardo que vos preste!

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión