Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Nesta sección queremos ofrecer algunhas suxestións que poidan ser de interese para a mocidade viaxeira; unha xira por Europa con Interrail, unha ruta por algún dos Camiños de Santiago ou participar nun proxecto de voluntariado a través dun Campo de voluntariado.

Interrail Pass

Interrail Pass é un billete de tren que che permite descubrir, ao teu ritmo, multitude de destinos en ata 33 países europeos, escollendo o país ou países que queiras, dispoñendo do teu tempo como ti prefiras, e facendo do transporte unha viaxe en si. Existen dous tipos de pase: Interrail Global Pass, co que podes moverte por varios países, e Interrail One Country Pass, se prefires centrar a túa viaxe nun único país. Ademais para completar a túa viaxe, diversas compañías marítimas e outras empresas ofrecen descontos e condicións especiais aos viaxeiros de Interrail.

Interrail Global Pass  

Válido para viaxar por 33 países (Alemaña, Austria, Bélxica, Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Gran Bretaña, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Macedonia do Norte, Montenegro, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Romania, Serbia, Suecia, Suiza, Turquía). Podes escoller entre dúas modalidades: 

  • Continua: validez de 15 días, 22 días, 1 mes, 2 meses ou 3 meses.
  • Flexible: validez de 4, 5 ou 7 días en 1 mes ou de 10 ou 15 días en 2 meses.

Ademais co teu Interrail Global Pass podes realizar dúas viaxes no teu país de residencia (unha viaje de ida desde o teu lugar de residencia ata a fronteira, porto ou aeroporto de saída, e unha viaxe de volta desde a fronteira, porto ou aeroporto de chegada ata a túa residencia).

Interrail One Country Pass

Se prefires escoller un único país europeo e recorrelo a fondo Interrail One Country Pass é o teu billete. Podes escoller o número de días que queres dedicar á túa viaxe: desde 3 ata 8 días, dentro dun mes de validez, e tes os seguintes One Country Pass: Alemaña, Austria, Benelux (Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo), Bulgaria, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Gran Bretaña, Grecia, Islas Gregas, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Macedonia do Norte, Noruega, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía, Serbia, Suecia, Suiza e Turquía. 

Ten en conta que este tipo de pase non o podes utilizar no teu país de residencia.

5 pasos para planificar a túa viaxe:

  1. Elixe o teu pase Interrail. Decide se queres viaxar por ata 30 países co Global Pass ou prefires centrarte en descubrir un único país cun One Country Pass. Fai unha estimación de cantos días de viaxe en tren necesitas para chegar a todos os teus destinos e estarás listo para elixir o teu pase.
  2. Empeza a planificar a ruta. Podes empregar o mapa de Interrail que mostra as rutas principais en tren e ferry que cobre o pase Interrail. Tamén hai un mapa que mostra as duracións aproximadas das viaxes entre cidades populares para que te fagas una idea da cantidade de tempo que necesitas.
  3. Unha vez que teñas en mente unha ruta, podes buscar os horarios dos trens específicos. Podes usar o horario da páxina http://es.interrail.eu/plan-your-trip/interrail-timetable onde poderás ver as horas de saída e chegada e se é preciso cambiar de tren durante o percorrido. Tamén poderás comprobar se é preciso facer reserva para un tren concreto.
  4. Fai as túas reservas de tren. O horario indicará cando é obrigatorio facer unha reserva para un tren concreto. Nalgúns trens de alta velocidade e nocturnos é preciso facer unha reserva de forma anticipada. Ten en conta que a cantidade de asentos dispoñibles para titulares do Interrail está limitada nos seguintes trens: TGV, Intercité de Nuit, Thalys e ICE (só París - Fráncfort). Fai a reserva tan cedo como poidas.
  5. Reserva o aloxamento. Tes un montón de opcións de aloxamento en Europa, dende albergues e campings económicos a hoteis e pensións asequibles. Tamén hai unha rede de trens nocturnos que percorren longas distancias mentres dormes.

Toda a información sobre estas e moitas outras cuestións pódela atopar na páxina web oficial de Interrail

As viaxes en avión

Xa hai anos que as compañías aéreas de baixo custo revolucionaron as viaxes en avión. Hoxe en día, todas as compañías comercializan os voos nas webs de xeito que é máis doado acadar prezos económicos, sobre todo se tes flexibilidade nas datas da viaxe e colles os voos con bastante antelación. Pero recorda, que moitas compañías non inclúen nas tarifas a equipaxe, o asento, ou mesmo a tarxeta de embarque e que viaxan a aeroportos afastados das cidades de destino.

Algunhas das compañias coas que podes voar dende Galicia: - IBERIA - EASYJET - TAP-AIR PORTUGAL - AIR EUROPA - AERLINGUS - RYANAIR - VUELING viaxan a cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Málaga, Sevilla, Palma de Mallorca, Valencia, Dublín, Lisboa, Londres ou Frankfurt. Hai que ter en conta que os destinos e frecuencias varían dependendo da tempada e moitos voos só están operativos nos meses de primavera-verán.

Podes obter máis información sobre aeroportos, compañías aéreas e destinos na páxina de Aena

Camiño de Santiago

Se estás pensando en vivir unha experiencia única, quizais pensases en realizar o Camiño de Santiago. Pero o Camiño non é un só, senón que hai varias rutas;

  • O CAMIÑO FRANCÉS, é o itinerario xacobeo con maior tradición histórica e que goza de máis recoñecemento internacional. O Camiño Francés entra en España por Roncesvalles, en Navarra, e polo porto de Somport e continúa ata Jaca, en terras de Aragón. O itinerario de Roncesvalles únese co aragonés en Puente la Reina (Navarra). Dende aquí, o Camiño Francés mantén un único itinerario que atravesa vilas e cidades tan significativas como Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada, e Villafranca del Bierzo, para finalmente entrar en Galicia polo Cebreiro.
  • O CAMIÑO DO NORTE, é un camiño costeiro que a través dunha ruta medieval levaba aos peregrinos que viñan por terra dende Francia, ou por mar, recalando nos portos vascos e cántabros, cara Oviedo e Santiago. A ruta que en Galicia parte de Ribadeo, intérnase nos vales de Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo, cruza as terras de Vilalba e Guitiriz, e continúa cara a Sobrado dos Monxes, antes de se unir en Arzúa ao Camiño Francés.
  • O CAMIÑO PRIMITIVO, foi o empregado polos primeiros peregrinos, chegados do reino asturiano. Trátase, polo tanto, do primeiro itinerario xacobeo, velaí a orixe da súa actual denominación. O Camiño Primitivo ten na cidade de Oviedo o seu punto de orixe, e chega a Galicia pola Fonsagrada, unha vez pasado o Alto do Acebo.
  • O CAMIÑO DO SUESTE-VÍA DA PRATA, procedente de Andalucía e Estremadura, entra en Galicia polas Portelas do Padornelo e da Canda, pasando polo Val de Monterrei e da Limia ata chegar a Ourense.
  • O CAMIÑO INGLÉS. Ferrol e A Coruña son os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés.
  • O CAMIÑO PORTUGUÉS en Galicia, fai uso de camiños antigos que cruzan bosques, terras de labor, aldeas, vilas e cidades históricas como Tui, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón.
  • O CAMIÑO DE FISTERRA-MUXÍA, ten a súa orixe na cidade de Santiago e a súa meta no cabo Fisterra e o Santuario da Virxe da Barca.
  • RUTA DO MAR DE AROUSA E RÍO ULLA. Esta ruta marítimo-fluvial pola Ría de Arousa e o río Ulla conmemora, segundo a tradición, a chegada por mar do corpo do apóstolo.

Á parte destas rutas tradicionais, tamén se poden seguir outras dúas rutas alternativas.

  • O CAMIÑO DE INVERNO, é unha ruta xacobea alternativa para entrar en terras galegas. Os peregrinos, sobre todo en época invernal, para evitar a ascensión polos cumios nevados do Cebreiro, optaban por unha ruta xa descuberta polos romanos, seguindo as cotas baixas da conca do río Sil. Dende Ponferrada (León), pasaban pola Ribeira Sacra e as terras pontevedresas do Deza, onde se unían coa ruta do Sueste ata Santiago
  • O CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA seguíano os que cruzaban o río Miño preto da súa desembocadura e, dirixíanse a Vigo para xuntarse en Redondela co outro Camiño Portugués. Este camiño acaba de recibir o recoñecemento oficial, polo que se converte nun novo itinerario por descubrir.

Á hora de preparar a ruta hai que ter moi en conta a nosa forma física e o tempo do que dispoñemos, elixir ben o calzado e preparar coidadosamente a mochila.

A Compostela é a certificación oficial que concede a catedral de Santiago de Compostela a aquelas persoas que realizan a peregrinación e acreditan ter percorrido a pé, en bicicleta ou dacabalo unha parte do Camiño (polo menos 100 quilómetros a pé ou en cabalo e 200 quilómetros en bicicleta). Esta acreditación realízase mediante a Credencial do Peregrino, na que se van poñendo os selos das parroquias, albergues, refuxios ou outras entidades representativas dos lugares por onde transcorre a peregrinación.

A Credencial é o que te identifica como peregrino e facilítache o acceso aos albergues (a utilización da rede de albergues da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ten un prezo de 6 euros por noite). A orde de prioridade para a ocupación dos albergues é: peregrinos con limitacións físicas, peregrinos a pé, peregrinos dacabalo, peregrinos en bicicleta e persoas que viaxen con coches de apoio.

As prazas ocúpanse ao chegaren os peregrinos aos albergues, sen que en ningún caso se admita a posibilidade de realizar reservas.

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo pon á túa disposición a súa páxina web con información dos diferentes camiños a Santiago

Turismo responsable

O turismo responsable permite xerar postos de traballo á vez que ten o potencial de impulsar o desenvolvemento local e pode actuar como motor de crecemento en países e poboacións máis desfavorecidas. As iniciativas que xurdiron arredor desta idea coñécense como turismo responsable ou sustentable xa que incorporan unha política de responsabilidade cun dobre obxectivo: que o viaxeiro goce dun servizo de calidade e que a súa viaxe afecte de forma positiva e directa á poboación do destino que se visita. O turismo responsable moitas veces aparece asociado ao concepto de turismo solidario, non obstante este último refírese máis ás viaxes de solidariedade, coñecemento ou cooperación nas que o obxectivo é coñecer pero tamén colaborar nun traballo que se está a desenvolver.

Algúns exemplos:

Servicio Civil Internacional SCI, http://www.ongsci.org Leva a cabo, entre outros, dous programas: Campos de voluntariado (Europa, EE.UU., Xapón e Australia) e Campos de solidariedade Norte-Sur (África, Asia, América Latina)

Sodepaz, http://www.sodepaz.org vén organizando dende hai anos viaxes de turismo solidario e brigadas de traballo voluntario. Cada ano as persoas participantes desprázanse a uns sete destinos diferentes.

Enxeñería sen Fronteiras, http://galicia.isf.es Programa de Coñecemento da Realidade Trátase dun programa englobado na liña de educación para o desenvolvemento de ESF Galicia que inclúe unha estancia nun país do Sur para coñecer a realidade do lugar, mentres se colabora nun programa de actividades.

Asociación Viento Norte-Sur, http://www.vientonortesur.org centra a súa acción preferentemente na Cooperación ao desenvolvemento. O proxecto Mirada al Sur desenvolve un conxunto de actividades dirixidas á satisfacción de necesidades sociais de zonas rurais e urbanas de Marrocos e Senegal.

Podes consultar máis proxectos na páxina da Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento aquí.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convoca todos os anos, dentro da Campaña Acción de Verán, campos de voluntariado en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro. Son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos. Entre a oferta podemos atopar campos de voluntariado arqueolóxicos, etnográficos, culturais e patrimoniais, ambientais, do audiovisual, de bioconstrución e autoconstrución e dinamización turística. Máis información en xuventude.xunta.es 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión