- Espazos para debater e compartir.
- Espazos integradores de diversidade de públicos, ideas e opinións.
- Espazos próximos e amigables para ti, sexa cal for a túa idade, formación ou intereses.
Se non atopas o que buscas, déixanos a túa suxestión.
Apostamos por...
- Acceso á información e ao coñecemento. Traballamos para ofrecer unha colección e uns servizos que poñan a información e o coñecemento a disposición de todas e todos e para consolidar a posición de todas as bibliotecas da rede como espazos de encontro, opinión e debate abertos a toda a cidadanía. As persoas, asociacións e entidades da comunidade saben que dispoñen dun espazo no que expoñer e compartir os seus coñecementos, proxectos e ideas.
- Educación, formación permanente e autoaprendizaxe. Colaboramos activamente coas escolas e institucións educativas e proporcionamos recursos e apoio para a formación continua e a aprendizaxe ao longo da vida para quen decide aprender pola súa conta e que xa están fóra das canles da educación formal (escola, universidade...) Cada ano, nos programas de colaboración cos centros escolares, participa alumnado e profesorado de escolas infantís, centros de primaria e centros de secundaria de toda a cidade. No ámbito da formación permanente e a autoaprendizaxe, estamos a traballar para mellorar a oferta de recursos e programas e actividades formativas para persoas adultas.
- Promoción da lectura. Porque a lectura nos permite acceder á información, mellorar a nosa formación, coñecer ideas e pensamentos doutras persoas, contrastar os nosos puntos de vista, gozar da experiencia estética e participar da tradición cultural.
- Memoria local. Unha das bibliotecas da rede, a Biblioteca de Estudos Locais, reúne e conserva toda a información relacionada coa Coruña. Entre os seus máis de 60.000 documentos pódense atopar libros, folletos, revistas, láminas, postais, bandos, dossieres de prensa, mapas, audiovisuais.... Todo o que necesitas para coñecer o pasado e presente da cidade.
Queremos bibliotecas que lles axuden a crecer ás persoas e ás comunidades.
Coñezo as bibliotecas Municipais da Coruña, lin esta declaración de intencións e teño suxestións respecto diso
Así traballamos...
- Partimos das necesidades e intereses da cidadanía para deseñar a oferta de espazos, recursos e actividades. Prestamos especial atención ao que nos contan no día a día, nas conversas nas bibliotecas, ou nos comentarios nas redes sociais. Ademais, realizamos enquisas de satisfacción de maneira periódica e dispoñemos dun sistema de suxestións e reclamacións. Horarios, funcionamento de servizos, melloras en instalacións, cambios nos sistemas de inscrición en actividades e impulso de novos programas son algunhas das cousas que melloramos coas achegas das persoas usuarias. No ámbito dos materiais de lectura, temos que destacar que cada ano se incorporan á colección das bibliotecas unha media de 450 títulos que proceden das suxestións de compra que nos presentan. Tamén os contactos permanentes con outras entidades, colectivos e asociacións do territorio nos permiten identificar moitas das necesidades da cidadanía que aínda non utiliza os servizos das bibliotecas, fundamentalmente porque non lles estamos ofrecendo o que necesitan. O éxito ou non para nós depende de que sexamos capaces de traducir as necesidades e intereses da nosa veciñanza en servizos e prestacións.
- Cada biblioteca ten o seu equipo pero a nivel transversal moitos/as de nós participamos en grupos de traballo que buscan o impulso de novas liñas de traballo ou a coordinación de todas as bibliotecas da rede en determinadas áreas de especialización.
- Tentamos aproveitar calquera oportunidade para cooperar con outras institucións, colectivos e organizacións da cidade. Cada unha das bibliotecas tenta desenvolver un proxecto vinculado ao territorio e á comunidade da súa área de influencia. Compartimos recursos, espazos e proxectos con escolas, asociacións, ONG, iniciativas cidadás etc.
Misión, visión e valores
A Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña (BMC) somos un servizo público de acceso á información e promoción da lectura que responde ás necesidades do público ao que lle ofrecemos recursos para contribuír ao seu desenvolvemento persoal e cívico. Traballamos para facilitar a aprendizaxe ao longo da vida, promover o uso activo do tempo libre e achegar á rede internacional o valor engadido do local.
No futuro, a BMC aspira a ser unha referencia entre as organizacións que aprenden e educan, comprometidas co propósito de contribuír, mediante cada unha das súas accións, ao desenvolvemento pleno de todas as persoas coas que se relaciona.
Nunha visión máis descritiva, a Rede das BMC:
- Planificará de forma coherente coa súa misión e coas súas liñas estratéxicas, e buscará permanentemente a cohesión con elas.
- Elaborará e aplicará un Plan de comunicación integral.
- Impulsará grupos e equipos de traballo transversais como unha forma necesaria de participación, fortalecemento da rede e optimización dos resultados.
- Dispoñerá de mecanismos e espazos para o intercambio de experiencias, ideas e perspectivas que permitan xerar coñecemento individual e colectivo, así como xestionar e integrar as diverxencias de maneira saudable para atopar puntos de encontro.
- Identificará o talento de cada persoa, facilitará e promoverá que se aproveite en función de proxectos específicos, en busca do mellor resultado para a rede.
- Estará comprometida cun sistema de formación permanente que garanta o achegamento aos obxectivos da rede e a comunicación e aplicación ao traballo cotián do aprendido.
- Asumirá a necesidade de proporcionar espazos e tempos que permitan mellorar e aumentar a participación en grupos de traballo e a implicación, en funcións específicas, en debates internos, formación etc.
- Contará cun sistema de xestión documental eficaz, protocolos e procedementos formais de traballo, así como criterios unificados para o deseño e execución de programas e servizos. Así mesmo, comprometerase coa procura, desenvolvemento e implantación das ferramentas de traballo necesarias para ofrecer un mellor servizo, automatizar as tarefas rutineiras e fortalecer o funcionamento da rede.
- Dispoñerá de información coñecida e accesible para todo o persoal sobre as funcións e responsabilidades específicas de cada estrutura de participación que se xere e dos distintos postos de traballo en cada centro: servizo de coordinación e bibliotecas.
- Traballará en rede con outros axentes da cidade, respectando e aproveitando os diferentes coñecementos e experiencias para aprender e construír de forma colaborativa sobre a base de obxectivos comúns.
- Participará naquelas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico sustentable, a cohesión social, a participación cidadá e a liberdade de expresión.
Os principios que guiarán, determinarán e caracterizarán a actuación das Bibliotecas Municipais da Coruña (BMC) son:
- Innovación: detección e adaptación a realidades e necesidades sociais emerxentes, desenvolvendo novas formas de facer e actuar.
- Corresponsabilidade: implicar as persoas usuarias de forma responsable na consecución dos seus obxectivos, baseados no desenvolvemento de competencias tecnolóxicas, culturais e sociais, fomentando a autoaprendizaxe e a autonomía no acceso á información.
- Visibilidade: proxección da nosa identidade como referente social, educativo e cultural da comunidade a través da nosa presenza en múltiples ámbitos (territorio, medios de comunicación, redes etc.). Posicionamento e protagonismo no desenvolvemento das políticas culturais do municipio.
- Compromiso social: implicación coa diversidade, prestando especial atención ás persoas e colectivos que viven en situacións de vulnerabilidade e conflito social, contribuíndo a reducir os desequilibrios sociais e favorecendo a inclusión da comunidade cultural, social e educativa á que lle prestamos servizo.