As bibliotecas municipais de Coruña súmanse ao Aniversario do nacemento da actriz coruñesa, María Casares (1922-2022) para celebrar o 2022 Ano Internacional María Casares.
En 2022 celebramos o Ano Internacional María Casares con motivo do centenario do seu nacemento. Outra gran muller da nosa cidade volve ser protagonista por méritos propios. Isto é especialmente así no caso de María Casares, xa que, polas circunstancias que lle tocaron vivir (o seu pai era presidente do Consello de Ministros da Segunda República), tivo que exiliarse a Francia a unha idade moi temperá, con 14 anos. Comezou de cero a aprender unha lingua e un oficio nun país que non era o seu, pero que a acabou recoñecendo como unha das grandes damas do teatro francés.
A súa infancia coruñesa, a súa condición de exiliada e ser filla de Santiago Casares Quiroga e Gloria Pérez Corrales marcaron profundamente a súa vida. En 1980 publicou a súa autobiografía Residente privilexiada, as memorias dunha vida apaixonante, onde deixou constancia diso: "Recordo con moita máis amargura a marcha da Coruña a Madrid que a de Madrid a París".
Este e outros libros atópanse entre os fondos das nosas bibliotecas, así que te animamos e convidamos a achegarte ás nosas instalacións para coñecer de primeira man moito máis sobre esta magnífica muller, actriz e personaxe pública de orixe coruñesa e de gran transcendencia na vida social, cultural e artística da Francia do século XX.
O concello, e tamén as bibliotecas municipais, preparamos para ti unha completa programación para profundar máis na súa figura: charlas, exposicións, lecturas dramatizadas, mostras bibliográficas... agárdante na túa biblioteca máis próxima.
Tamén che ofrecemos outros recursos na web, como unha guía de lectura dixital sobre a autora que che descubrirá outros libros publicados sobre María Casares, así como entrevistas, documentais ou documentos sonoros. Ademais, periodicamente faremos novas publicacións nos nosos blogs e redes sociais, leremos para ti a través dos nosos podcast e prepararemos un vídeo cos documentos sobre María Casares nas bibliotecas municipais e os escenarios por onde transitou. Non o podes perder!
Desde as bibliotecas municipais querémoslle render unha homenaxe especial a esta muller que rememoraba a biblioteca familiar do seu pai, Santiago Casares Quiroga, como uns dos lugares máis importantes da súa infancia. Unha biblioteca que chegou a contar con máis de 20.000 exemplares de todo tipo de saberes en varias linguas e que ao estoupar a guerra civil foi "incautada, espoliada e desfeita".
Onde podo atopar máis información sobre os eventos programados nas bibliotecas?
Cada mes os actos e actividades presenciais estarán localizados nunha das bibliotecas da rede municipal, e aglutinados nun eixe vertebrador arredor da vida e obra de María Casares. Para saber as datas exactas de cada evento, podes descargar a programación.
Onde podo atopar o contido dixital desta celebración?
Conforme vaiamos compartíndoo, poderás atopar aquí mesmo as ligazóns a posts, podcasts, vídeos, guías de lectura...
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible