En colaboración coa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña e xunto a asociacións e entidades locais, as Bibliotecas Municipais lanzamos unha campaña informativa e formativa centrada en potenciar o uso da bicicleta e outros medios de transporte sostible como solución segura, ecolóxica e económica aos problemas actuais de mobilidade urbana.
A partir do 18 de abril e culminando no Día Internacional da Bicicleta que se celebra o 3 de xuño, as Bibliotecas Municipais da Coruña desenvolvemos unha campaña articulada arredor de guías informativas, exposicións, contacontos, charlas e talleres que pretende dar a coñecer desde varias perspectivas os beneficios individuais e colectivos do uso de transportes alternativos ao automóbil.
Guía virtual de recursos
Desde distintas redes sociais das bibliotecas irase publicando periodicamente unha guía de recursos (libros, documentais, obras de ficción, informes, plataformas, recursos web etc.) para orientar as persoas interesadas.
Mostras
Aquelas que prefiran ver e escoller o material atoparanse en cada biblioteca da rede cunha selección específica desta temática agrupada nun centro de interese.
E non nos esquecemos dos nenos e das nenas aos que dedicamos varios contacontos que teñen como protagonista a "Ciclobiblioteca" un ciclo-carro construído en Dinamarca transformado nunha auténtica biblioteca ambulante defensora do medio ambiente.
Talleres
Da man da asocición Mobi-liza aprenderemos aspectos prácticos de mecánica e mantemento de bicicletas ou consellos cotiáns para circular dunha forma segura pola nosa cidade, un aspecto de vital importancia no uso de medios non motorizados.
Tamén xunto a Mobi-liza organizamos un curso para aprender a montar en bicicleta distribuído en tres sesións ao aire libre.
A Policía Local axudaranos mediante charlas a coñecer aqueles factores que permiten a convivencia das distintas persoas usuarias de transporte.
Mobilidade urbana na Coruña
Nun encontro participativo podemos coñecer de man do persoal responsable municipal, a política, proxectos e modelo de mobilidade urbana sostible para A Coruña.
E como festa final está a Friday mobility nigh, unha marcha ciclista pola cidade á que estamos todos e todas convidados e que este ano coincide xusto co Día Internacional da Bicicleta: o venres 3 de xuño.
ACTIVIDADE | DATA | HORA | BIBLIOTECA |
---|---|---|---|
As viaxes en bicicleta | Xoves 5 de maio | 18.30 h | Os Rosales |
Mesa redonda sobre mobilidade urbana na Coruña | Venres 6 de maio | 18.30 h | Ágora |
Contos en ciclobiblioteca | Mércores 11 de maio | 18.00 h | Monte Alto |
Contos en ciclobiblioteca | Xoves 12 de maio | 18.00 h | Castrillón |
Charla sobre educación viaria | Sábado 21 de maio | 12.30 h. | Durán Loriga |
Charla sobre educación viaria | Martes 24 de maio | 19.00 h. | Fórum Metropolitano |
Tips para rodar no teu día a día | Venres 27 de maio | 18.30 h | Rosales |
Taller de mecánica básica para bibliotecas | Sábado 28 de maio | 11.00 h | Sagrada Familia |
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible