
As Bibliotecas Municipais da Coruña celebramos o Día das Letras Galegas cunha programación especial arredor da figura de Begoña Caamaño, reivindicando a creación literaria en galego a través de mostras bibliográficas, recomendacións lectoras, accións participativas e actividades musicais.
Con motivo do Día das Letras Galegas, as Bibliotecas Municipais da Coruña organizan unha programación especial dedicada a Begoña Caamaño, xornalista e escritora fundamental das letras galegas contemporáneas.
Durante varios días, as bibliotecas converteranse nun espazo para descubrir e compartir literatura en galego a través de distintas accións culturais, divulgativas e participativas. A programación inclúe exposicións bibliográficas baixo o título As mulleres das letras e voz de Begoña Caamaño, centros de interese con obras da autora e unha selección de recomendacións lectoras elaboradas polo persoal bibliotecario.
O acto central da programación será o encontro "Memoria viva e letra escrita" Encontro ao redor da figura de Begoña Caamaño , que terá lugar o 15 de maio na Biblioteca Ágora. Esta mesa redonda, especialmente dirixida aos clubs de lectura e ás persoas interesadas na literatura galega, permitirá afondar na vida, obra e compromiso público de Begoña Caamaño da man de Beatriz Maceda e Marga Do Val.
Entre as actividades destacadas atópase tamén a proxección continua do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, producido pola Real Academia Galega, así como un mural colectivo no que as persoas usuarias poderán compartir a súa palabra favorita en galego. Ademais, repartiranse pequenas citas inspiradas nas obras da autora para descubrir entre os libros e espazos bibliotecarios.
A programación complétase coa colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña no concerto de Ialma no AgoraSón da primavera 2026 e cunha entrevista especial en Bibliosons.
Unha celebración colectiva da lingua galega, da lectura e da creación cultural feita desde as bibliotecas para toda a cidadanía.
Programación completa
- Onde nace a lingua_ 21 de maio
- Dende Eixeira a Begoña Caamaño _28 maio
- Onde Caamaño_29 de maio

As mulleres ao longo da historia do Día das Letras Galegas
Ao longo da historia do Día das Letras Galegas, só un pequeno número de mulleres conseguiu ocupar o lugar central desta celebración dedicada á lingua e á cultura galegas. Escritoras, poetas, mestras, xornalistas, músicas e creadoras que, malia as dificultades do seu tempo, deixaron unha pegada imprescindible na nosa memoria colectiva.
Aproveitamos a celebración desta edición para reivindicar e dar visibilidade ás mulleres homenaxeadas ata o momento, figuras fundamentais para entender a evolución da literatura e da creación cultural en Galicia.
Figura esencial da literatura galega e símbolo do Rexurdimento. Coa súa obra, Rosalía devolveu dignidade literaria á lingua galega e abriu un camiño que continúa vivo hoxe.
Narradora e poeta coruñesa, considerada unha das primeiras mulleres en escribir novela en galego. A súa obra deu voz ao mundo rural e ás mulleres da súa época.
Poeta singular e profundamente innovadora. A súa escrita, marcada pola forza simbólica e a conexión coa natureza, foi recoñecida de maneira tardía como unha das voces máis orixinais da poesía galega.
Escritora e profesora comprometida coa lingua galega e coa lectura entre a mocidade. Foi pioneira na literatura infantil e xuvenil en galego.
Poeta, tradutora e editora. A súa obra rompeu moldes tanto na linguaxe como na forma de entender a poesía, converténdose nun referente contemporáneo das letras galegas.
Escritora, violinista e intelectual coruñesa. A súa obra combinou literatura, música e pensamento crítico cunha mirada profundamente comprometida coa realidade social e cultural.
Por primeira vez, o Día das Letras Galegas recoñece de maneira colectiva ás mulleres transmisoras da tradición oral e musical galega. As cantareiras foron fundamentais para conservar e transmitir a lingua, a memoria e a cultura popular.
Xornalista e escritora feminista, destacou pola súa defensa da lingua galega e pola revisión crítica dos relatos tradicionais desde unha perspectiva de xénero. A súa obra converteuse nun referente da narrativa galega contemporánea.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible