
Las Bibliotecas Municipais da Coruña promueven el acceso a información fiable sobre salud, bienestar y cuidados a través de colecciones bibliográficas, guías de lectura, proyectos comunitarios, actividades inclusivas y programas de alfabetización digital.
As bibliotecas contamos con varios centros de interese especializados en saúde física, saúde mental, benestar, coidados e estilos de vida saudables. Estes espazos reúnen libros, revistas e outros materiais seleccionados para facilitar o acceso á información e promover hábitos de vida saudables.
Para facilitar a localización dos recursos relacionados coa saúde física, a saúde mental, os coidados, a actividade física, a alimentación ou o desenvolvemento persoal, varias bibliotecas da rede contan con centros de interese específicos que reúnen materiais seleccionados sobre estas temáticas.
Nestes espazos podes atopar libros divulgativos, obras de ficción, revistas, materiais audiovisuais e recursos especializados que axudan a comprender mellor diferentes aspectos da saúde e favorecen a adquisición de hábitos de vida saudables.
Biblioterapia
Biblioterapia é un proxecto promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, profesionais da saúde, asociacións de pacientes e especialistas en literatura.
Este centro de interese, dispoñible nas bibliotecas Fórum Metropolitano e Castrillón, utiliza a lectura como ferramenta de apoio ao benestar emocional e á saúde mental.
Inclúe libros de autoaxuda e psicoeducación recomendados por profesionais sanitarios, así como novelas e obras de non ficción seleccionadas por persoas expertas en biblioterapia, pacientes e profesionais da literatura.
Está especialmente orientado a persoas que experimentan situacións de malestar emocional, trastornos mentais leves ou moderados, familiares, persoas coidadoras e profesionais dos ámbitos social e sanitario.
Corpomente
O centro de interese Corpomente, situado nas bibliotecas de Castrillón e Monte Alto, reúne materiais relacionados coa saúde física e emocional, o exercicio, a alimentación, a espiritualidade e o desenvolvemento persoal.
Entre os seus fondos poden atoparse obras sobre xestión emocional, vida saudable, cociña equilibrada, actividade física, ioga, pilates, terapias naturais, espiritualidade, arte e literatura relacionada coa saúde e os procesos de autocoñecemento.
Foi creado para facilitar o acceso a estas temáticas reuníndoas nun único espazo da biblioteca.
Vida saudable
Vida saudable é un centro de interese da Biblioteca Ágora que reúne materiais especializados sobre saúde e información médica de calidade, elaborados en boa medida a partir das recomendacións de profesionais e técnicos de AFACO.
O seu obxectivo é facilitar o acceso á información necesaria para adoptar estilos de vida saudables e fomentar a autonomía das persoas no coidado da súa propia saúde.
Inclúe materiais sobre psicoloxía, saúde mental, enfermidades, nutrición, actividade física, envellecemento activo, saúde das mulleres, sexualidade, medicina preventiva e divulgación científica relacionada coa saúde.
Rompendo regras
Rompendo regras é un centro de interese dedicado á saúde menstrual, a puberdade, a menopausa e os dereitos menstruais. Está dispoñible nas bibliotecas Durán Loriga, Monte Alto e Os Rosales.
Toma o seu nome do Laboratorio de Participación Cidadá por unha Menstruación Digna e Ecosaudable do Grupo de Igualdade da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, iniciativa coa que colaboran as Bibliotecas Municipais da Coruña.
O seu obxectivo é ofrecer información rigorosa, accesible e actualizada sobre as distintas etapas e experiencias vinculadas ao ciclo menstrual, contribuíndo á educación, á autonomía e ao benestar da cidadanía.
Reúne libros divulgativos, ensaio, narrativa, banda deseñada, álbums ilustrados, materiais educativos e outros recursos que permiten achegarse á menstruación desde perspectivas científicas, sociais, culturais e artísticas, que abordan os seguintes temas:
Os materiais están dirixidos a persoas de todas as idades interesadas en coñecer mellor o seu corpo, comprender os cambios asociados ás diferentes etapas da vida e acceder a información fiable sobre saúde menstrual.
Ademais, as Bibliotecas Municipais elaboran recursos e seleccións bibliográficas complementarias para facilitar o acceso a información sobre saúde menstrual, menopausa, educación menstrual e dereitos menstruais.
Guías de lectura y selecciones bibliográficas temáticas
Además tenemos disponibles guías de lectura sobre salud mental, cuidados, maternidad, crianza y otros ámbitos relacionados con el bienestar.

As bibliotecas somos tamén espazo de información e aprendizaxe sobre saúde e benestar.
A saúde é moito máis que a ausencia de enfermidade. Tamén ten que ver co benestar emocional, os coidados, a inclusión social, o acceso á información de calidade e a capacidade para desenvolverse nunha contorna cada vez máis dixital.
Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña traballamos para achegar recursos, lecturas, actividades e proxectos que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía, fomentando a aprendizaxe, a participación comunitaria e o acceso igualitario á información.
Nesta sección reunimos recursos bibliográficos, guías temáticas, programas de inclusión, iniciativas de promoción da lectura e accións de alfabetización dixital relacionadas coa saúde e o benestar.
Programas e proxectos comunitarios
As bibliotecas colaboran con entidades sociais e sanitarias para desenvolver iniciativas que fomentan a inclusión, o acompañamento e o benestar.
Entre elas destacan:
• Achega . A biblioteca como espazo inclusivo para persoas vulnerables, desenvolvido na Biblioteca Fórum en colaboración coa Asociación Participa para a Inclusión Social.
• Club de lectura fácil: Fiando historias , dirixido a persoas con problemas de saúde mental.
• Lendo espero, iniciativa de prescrición lectora desenvolvida en colaboración co servizo de enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrona) e o servizo de pediatría do Centro de Saúde de Monte Alto.
• Colaboración con Bibliosémicas e outras iniciativas de mediación lectora vinculadas ao benestar e os coidados.
Saúde e benestar dixital
O acceso aos servizos de saúde e á información sanitaria require cada vez máis competencias dixitais.
As bibliotecas ofrecen actividades de Formación en competencias dixitais relacionadas co uso da App SERGAS e outros servizos electrónicos da administración sanitaria, así como atención tecnolóxica personalizada para resolver dúbidas e facilitar o acceso aos recursos dixitais.
Tamén traballan o benestar dixital, promoven un uso saudable da tecnoloxía e ofrecen orientación sobre ferramentas de control parental, xestión do tempo de pantalla e outras funcionalidades que contribúen ao equilibrio entre tecnoloxía, saúde e benestar.

As Bibliotecas Municipais da Coruña colaboran con centros de saúde e espazos sanitarios para achegar a lectura a pacientes, familias e profesionais, transformando as esperas en oportunidades para ler, aprender e compartir.
A lectura pode acompañar, informar, entreter e axudar a afrontar distintas etapas da vida. Por iso, as Bibliotecas Municipais da Coruña desenvolven iniciativas de promoción da lectura en contornas sanitarias, achegando os libros a pacientes, familias e profesionais da saúde.
A través de puntos de lectura e proxectos de recomendación lectora, as bibliotecas colaboran con centros de saúde para fomentar o acceso á lectura en espazos vinculados ao coidado e ao benestar.
Actualmente contamos con puntos de lectura nas áreas de pediatría dos centros de saúde Casa do Mar e Monte Alto, así como na contorna hospitalaria, facilitando o acceso a libros e materiais de lectura durante as esperas médicas.
Lendo espero
En colaboración cos centros de saúde de Casa do Mar e Centro de Saúde Monte Alto-A Torre, a Biblioteca Municipal de Monte Alto impulsa "Lendo espero", unha iniciativa que converte as salas de espera en espazos de lectura.
O proxecto ofrece un punto de lectura infantil para nenas e nenos de 0 a 14 anos na zona de pediatría, con libros, contos e cómics de acceso libre durante as esperas médicas.
Ademais, inclúe unha selección de libros e revistas dirixidos a nais, pais e persoas acompañantes.

Lendo espérote
"Lendo espérote" é unha iniciativa desenvolvida xunto ao servizo de enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrona) do Centro de Saúde Monte Alto-A Torre.
A través dunha selección bibliográfica especializada, ofrécense recomendacións de lectura para mulleres embarazadas e as súas parellas sobre embarazo, parto, posparto, lactación, maternidade e crianza.
Os títulos recomendados están dispoñibles para préstamo na Biblioteca Municipal de Monte Alto.
Ler ante o reto da crianza
Este programa, desenvolvido en colaboración co servizo de pediatría do Centro de Saúde Monte Alto - A Torre, ofrece recomendacións lectoras para nais, pais e persoas coidadoras sobre crianza, educación e desenvolvemento infantil.
Os profesionais sanitarios poden recomendar lecturas apoiándose nunha guía bibliográfica elaborada pola biblioteca, e os materiais están dispoñibles para préstamo na Biblioteca Municipal de Monte Alto.
A través desta colaboración, a lectura convértese nunha ferramenta de acompañamento para as familias nas distintas etapas da crianza.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible